A SENTENCIA EMITIDA POLO XULGADO ANULA A LICENCIA EMITIDA POLO CONCELLO DE LUGO PARA O FUNCIONAMENTO DUNHA ESTACIÓN DE SERVIZO NA ÁREA COMERCIAL DE AS SAAMASAS
O BNG-AA pedirá que non se recurra a sentencia contra a gasolineira da superficie comercial de As Saamasas
Rubén Arroxo lembrou que “fomos moitas as persoas que nos manifestamos contra a instalación de esta estación de servizo a poucos metros do río Miño”
Lugo, 16 de marzo 2016. O BNG-AA pedirá que non se recurra, dende o concello, a sentencia que anula a licencia da Gasolineira do Centro Comercial de As Saamasas. Para o BNG-AA o máis normal sería a retirada desta instalación que nunca debeu situarse nesta zona. Rubén Arroxo lembrou a contestación social que tivo a instalación destas gasolineira a escasos metros do río Miño e o perigo que supón o almacenamento de máis de 120.000 litros de caburante nesta zona tan sensible pola súa proximidade ao río.
Arroxo cualificou a sentencia como “clarificadora” e sinalou que “quedan patentes problemas de seguridade e o concello ten que actuar en consecuencia”. O voceiro do BNG-AA pediulle ao goberno municipal “máis altura de miras” que fai dous anos cando “a súa única actuación foi xustificarse na aplicación das leis da Xunta”.
Rubén Arroxo reiterou a necesidade de que non se recurra a sentencia e que se inicien os trámites para esixir o desmantelamento desta estación de servizo que “é unha auténtica ameaza para o noso maior valor mediambiental e paisaxístico”. Arroxo informou que “existe xurisprudencia suficiente para evitar que o Concello teña que asumir o pago de indemnizacións no caso de que a empresa reclame danos e perxuizos contra o propio Concello”. Existen sentenzas en casos similares que eximiron de pagar indemnizacións a outros municipios.