O VOCEIRO DO BNG-AA CUALIFICOU DE “POUCO AFORTUNADOS” OS ANUNCIOS QUE FAI A REXEDORA DENDE FITUR POR QUE “O ÚNICO TURISMO QUE SE PROMOVE É O DOS CARGOS DO PSOE E PP”
“A alcaldesa negocia traer cruceiros a Lugo e non é capaz de facer unha zona de baño no Miño” ironizou Arroxo
Rubén Arroxo afirmou que “foron máis cargos do PSOE e do PP a FITUR que persoas hai traballando para a promoción turística no conxunto das institucións lucenses”
Lugo, 19 de xaneiro 2018. O voceiro do BNG - AA, Rubén Arroxo, referiuse ao anuncio feito pola rexedora lucense na feira de FITUR e ironizou “a alcaldesa negocia traer cruceiros a Lugo e non é capaz de facer unha zona de baño no Miño”. Para Arroxo “parece que cada vez que a alcaldesa sae da cidade desencadéase o incremento dos despropósitos municipais, o primeiro o xeito de explicar as súas xestións para traer cruceiros á cidade e o segundo a indignación pola xestión da información aos grupos cousa que xa ocorre por segunda vez neste mandato”.
O voceiro do BNG-AA cualificou de “pouco afortunados” os anuncios que fai a rexedora dende a feira Fitur por que “o único turismo que se promove é o dos cargos do PSOE e PP para viaxar a Madrid” e engadiu “aínda que entendemos perfectamente o fondo da noticia é chamativo o titular feito dende o PSOE que é máis propio do 28 de decembro que dunha xestión seria en materia de turismo”.
Para o BNG “a xestión do turismo en Lugo é absolutamente caótica coas diferentes institucións traballando unhas de costas para outras, a Deputación por un lado, o Concello por outro, a Xunta á marxe das outras dúas e varios padroados de turismo que se foron creando na provincia segundo os intereses políticos de PP e PSOE”. Arroxo sinalou que “para o único que se poñen dacordo PP e PSOE é para viaxar a Madrid na feira de Fitur e ver quen carrexa máis cargos políticos a esta feria”. Rubén Arroxo afirmou que “foron máis cargos do PSOE e do PP a FITUR que persoas hai traballando para a promoción turística no conxunto das institucións lucenses”.
Enlace nova referida da web do Consello de Lugo: http://lugo.gal/gl/novas/alcaldesa-negocia-que-lugo-sexa-destino-de-cruceiros