NA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DE ACORDOS PLENARIOS A ALCALDESA RECOÑECEU QUE SE ÍA INCUMPRIR O ACORDO PLENARIO DE PEONALIZACIÓN DO TRAMO DA MOSQUEIRA
“A alcaldesa pon como escusa a Intermodal para non peonalizar o tramo da Mosqueira”
“Non hai máis que ver os orzamentos da Xunta para saber que a Intermodal non está na folla de ruta do PP para Lugo e o PSOE sabeo perfectamente” dixo Arroxo
Lugo, 3 de novembro de 2017. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lamentou que a alcaldesa de Lugo ignore os acordos plenarios e ve “incompresible” que o PSOE busque “escusas baratas” para non cumprir os acordos que eles mesmos apoiaron. Na comisión de seguimento de Acordos Plenarios a alcaldesa recoñeceu que se ía incumprir o acordo plenario de peonalización do tramo da Mosqueira “ata que non se faga a estación intermodal”. Para o BNG esto supón unha “renuncia” en avanzar cara a peonalización da cidade e en liberar o entorno da muralla do tráfico de vehículos a motor.
Arroxo afirmou que “a alcaldesa pon como escusa a Intermodal para non peonalizar o tramo da Mosqueira” e explicou que “despois de ter aprobadas dúas iniciativas do BNG no pleno por unanimidade non se pode volver atrás deste xeito por que é un insulto a todos os grupos da corporación, incluído o socialista, e a todas as persoas que nos elixiron para representalas”. “Non hai máis que ver os orzamentos da Xunta para saber que a Intermodal non está na folla de ruta do PP para Lugo e o PSOE sabeo perfectamente” dixo Arroxo e engadiu “por eso nos parece máis insultante, por que a alcaldesa saber perfectamente que Lugo vai estar sin intermodal durante moitos anos”.
Para o BNG – Asembleas Abertas a Mosqueira debe ser un dos puntos principais de recepción aos visitantes á cidade “a nova praza debe planificarse como punto de referencia para turistas, peregrinos e visitantes e o seu deseño ten que poñer en valor a Muralla como principal elemento patrimonial de Lugo”. A situación da Mosqueira, preto da estación de autobuses e ferrocarril, supón un emprazamento privilexiado para a organización de rutas turísticas ou a creación de espazos que sirvan para facilitar información turística ás persoas que chegan a Lugo.