Alexandre Penas anuncia a renovación da rúa Bal y Gay
Alexandre Penas: “trátase dunha actuación que permitirá seguir avanzando na renovación dos espazos urbanos de Lugo gañando espazos peonís e mellorando a accesibilidade da zona”
Os traballos, que comezarán nas vindeiras semanas, saíron a licitación cun orzamento máximo de 207.107,22€
Lugo, 16 de maio de 2021. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou xunto con Rubén Arroxo, Tenente Alcalde do Concello de Lugo, a rúa Bal y Gay, onde anunciou que nas vindeiras semanas comezará a obra de reurbanización da mesma. “Trátase dunha rúa que conta cunha pavimentación de formigón moi desgastada, e con beirarrúas insuficientes, que non permiten garantir a accesibilidade”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “con esta actuación avanzaremos na mellora dos espazos públicos de Lugo, gañando zonas para o desfrute das persoas e mellorando a accesibilidade”.
Os traballos a executar por parte da concellería de Infraestruturas consisten na renovación da pavimentación da rúa, instalando un novo pavimento baseado en mestura bituminosa en quente, e garantindo tanto o espazo peonil como o espazo de estacionamento. A nova distribución da rúa contará cun carril de circulación, un carril de estacionamento e unha beirarrúa ampla. Para garantir a seguridade das zonas peonil, separaranse da calzada habilitando unha nova franxa axardinada.
Xunto coas intervencións no espazo peonil e na calzada, renovarase tamén a canalización de alumeado e a rede de alumeado da zona, instalando novas luminarias LED, avanzando na renovación da rede de alumeado público da cidade con perspectiva de xénero e reducindo o consumo total da rede. A actuación foi adxudicada a Ovisa, tivo un orzamento de licitación de 207.107,22€ e un prazo de execución de 5 meses.