Alexandre Penas lembra a necesidade de mellorar da avenida Filarmónica Lucense, vía que pertence á Deputación de Lugo
O edil de Infraestruturas lembrou que o Goberno de Lugo solicitou á área de Vías e Obras da Deputación o arranxo deste vial “achegando solicitudes veciñais que non podemos executar desde o Concello”
“Temos constatado a necesidade desta actuación encaixando á perfección co traballo realizado ata agora polo Concello de Lugo”, explicou Alexandre Penas
Lugo, 23 de setembro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, lembrou que o Goberno de Lugo solicitou á área de Vías e Obras da Deputación que realice certas intervencións na Avenida Filarmónica Lucense. O edil de Infraestruturas explicou que “este vial atópase nun avanzado estado de desgaste, afectando incluso á seguridade viaria”, o que supuxo un aumento das reclamacións da veciñanza para que se proceda ao arranxo desta rúa. Penas explicou que “nas últimas semanas, co corte da conexión da N-VI con Afonso X, esta zona está a acoller máis tráfico rodado, o que fai que o avanzado estado de desgaste deste vial se note aínda máis”.
No pasado mes de febreiro, Alexandre Penas solicitou “unha serie de medidas destinadas a mellorar a seguridade peonil, seguindo na liña de traballo posta en marcha polo Goberno de Lugo e apostando por un tráfico máis calmado na cidade”.
Entre as solicitudes que recibiu a Concellería de Infraestruturas, destacan múltiples solicitudes para mellorar a seguridade peonil na Avenida Filarmónica Lucense, onde a veciñanza reclama a renovación dos pasos de peóns existentes, converténdoos en pasos de peóns elevados, a mellora dos accesos ás instalacións deportivas da zona ou a renovación do firme da vía ou da capa de rodadura, moi desgastada polo paso do tempo. Ademais, solicítase a creación dun novo paso de peóns elevado nas proximidades da unión desta rúa coa avenida Alfonso X para crear un itinerario máis seguro e accesible na unión co paso elevado da N-VI.
“Temos constatado a necesidade desta actuación encaixando á perfección co traballo realizado ata agora polo Concello de Lugo”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “solicitamos que a área de Vías e Obras da Deputación teña en conta esta solicitude para planificar o traballo futuro”.