Alexandre Penas: “a renovación integral da rúa Lamas de Prado comezará no primeiro trimestre deste ano”
O edil de Infraestruturas lembrou que durante o 2020 se realizaron actuacións de calmado de tráfico na contorna do colexio Menéndez Pelayo e da escola infantil Serra de Outes
Penas: “Lamas de Prado é a conexión central dun dos barrios máis importantes da cidade, que conta con máis de 15.000 habitantes”
Lugo, 19 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, lembrou que o Goberno de Lugo iniciará nas vindeiras semanas a renovación da rúa Lamas de Prado. Penas fixo balance dos traballos executados durante o ano 2020 pola concellería de Infraestruturas Urbanas no barrio, e lembrou que se realizaron accións de calmado de tráfico na contorna do colexio Menéndez Pelayo e da escola infantil municipal Serra de Outes. “Estes traballos consistiron na renovación da sinalización horizontal e na creación de novos pasos de peóns elevados para garantir a seguridade das e dos peóns nestas zonas, especialmente das nenas e nenos”, declarou Alexandre Penas, que engadiu “continuaremos a mellorar Lamas de Prado, cunha renovación integral que vai aumentar a accesibilidade e que mellorará a súa estética, mellorando a imaxe da cidade e do barrio”.
O Goberno de Lugo investirá 533.933€ nesta actuación, que foi adxudicada a Construccións RAFER S.L. Penas destacou a importancia desta obra, dado que “Lamas de Prado é a conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes", e afirmou que “actuaremos tanto na renovación da parte visible da rúa, como a estrada e as beirarrúas, e nos servizos que están soterrados”.
A seguridade vial da zona mellorará con esta renovación. A renovación das beirarrúas permitirá aumentar a accesibilidade ao eliminarse as barreiras arquitectónicas da rúa. “Ao mesmo tempo, continuarase avanzando no calmado do tráfico, ao instalarse na zona novos pasos de peóns elevados, ademais de mellorarse a disposición da sinalización vial”, explicou o concelleiro. O treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha plataforma única, gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehícuños.
Renovarase, ademais, o mobiliario urbano e as zonas verdes da zona e instalarase unha nova marquesiña para a parada do bus urbano, e habilitaranse novos aparcabicis “para continuar a fomentar o uso da bicicleta e do transporte público como medio de transporte alternativo ao vehículo privado”, afirmou Alexandre Penas.