Rubén Arroxo: “a veciñanza de Lugo poderá desfrutar en poucas semanas dun novo espazo peonil na Mosqueira”
O Tenente Alcalde destacou o bo ritmo ao que están a avanzar os traballos, e explicou que “desde o Goberno de Lugo marcámonos como prioridade rematar este novo espazo para o desfrute da veciñanza”
A nova pavimentación da Mosqueira alterna céspede e baldosas o que permitirá abrir un dos espazos máis simbólicos da cidade
Lugo, 19 de xaneiro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron a Mosqueira onde puideron comprobar os avances realizados na peonalización deste treito da Ronda da Muralla nas últimas semanas. Arroxo afirmou que "os traballos avanzan a bo ritmo, e en poucas semanas a veciñanza de Lugo poderá desftutar deste novo espazo peonil". O Tenente Alcalde explicou que “desde o Goberno de Lugo marcámonos como prioridade o remate desta actuación nas vindeiras semanas”.
A nova praza contará cunha pavimentación novidosa en Lugo, que alterna céspede e baldosas. O Tenente Alcalde explicou que “isto permitirá mellorar a percepción do monumento e abrir á veciñanza un dos espazos máis simbólicos da cidade”.
A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. Rubén Arroxo lembrou que "esta actuación servirá como espello de como se pode humanizar o entorno do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos".
"Unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, é retirar progresivamente os vehículos da Muralla, dando así solución ás vibracións que están a converterse nun problema para a estrutura, tal e como advertiu o ICOMOS", lembrou o Tenente Alcalde.