“Este ano volveu a gran festa do outono galego” resumiu Maite Ferreiro
“As persoas participaron na festa e sentiron seu o San Froilán co orgullo de ser de Lugo”, afirmou Maite Ferreiro
“As prazas e rúas ateigadas foi a evidencia do éxito das festas, o resultado foi moi positivo” segundo a responsable da Área de Cultura
Lugo, 13 de outubro de 2022. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas as actividades. A responsable de Área de Cultura indicou que “cada unha das centos de miles de persoas que participaron na festa sentiron seu o San Froilán despois de dous anos de festas marcadas polas restriccións da pandemia, demostrando o orgullo de ser de Lugo”.
“A asistencia de público aos concertos e ás actividades programadas foi máis que satisfactoria, lucenses e visitantes disfrutaron do San Froilán dende o seu comenzo o día 4 ata o seu remate o día 12” indicou Ferreiro e engadiu “as prazas e rúas ateigadas evidenciaron o éxito das festas cun resultado moi positivo que demostra que a veciñanza de Lugo tiña ganas dunha nova edición do San Froilán sen restriccións”. Dende a Área de Cultura do Concello deseñouse un programa de festas para chegar a todo tipo de público “queriamos que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas” explicou Maite Ferreiro.
Maite Ferreiro aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que “nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza”.
Maite Ferreiro salientou “logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, de novo, a gran festa do outono galego”. Con máis de 200 actividades programadas e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista deste San Froilán.
Ferreiro destacou a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas máis de 22 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as preto de 20 actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa xunto coa volta do desfile do traxe tradicional que celebrou o seu 50 aniversario, foron parte dos atractivos da festa.