Maite Ferreiro presenta a programación do Auditorio Municipal para o segundo semestre de 2022

Maite Ferreiro animou "a descubrir e desfrutar do teatro con esta programación ampla e de calidade"

A área de Cultura organiza 20 actividades culturais con contidos para diversos públicos que terán lugar entre o 16 de outubro e o 22 de decembro

Como complemento á programación de artes escénicas municipal, a área de Cultura coloca a Lugo como unha parada máis dentro das xiras por todo o estado de varios espectáculos co ciclo Artistas no foco

Maite Ferreiro presenta a programación do Auditorio Municipal para o segundo semestre de 2022

Lugo, 13 de outubro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a programación teatral que terá lugar no Auditorio Municipal durante o resto do 2022. Maite Ferreiro explicou que "en total son 20 propostas, para distintos públicos, con actuacións de grupos de teatro de recoñecida calidade que conseguiron distintos premios”.

"Quixemos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas na Galiza, que serán o fío condutor da programación, e contaremos tamén con obras internacionais de calidade contrastada", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "esta programación está pensada para o deleite das amantes do teatro e para facilitar un achegamento a esta arte por primeira vez".

Como novidade, a área de Cultura organiza o ciclo Artistas no Foco, que pon a Lugo no mapa da programación cultural dentro das xiras de varios artistas por todo o estado.

A programación inclúe un total de 9 propostas para público adulto e 9 para familias, xunto con dúas obras máis do ciclo Artistas no Foco. Para acceder ao recinto será preciso adquirir entrada no portal entradaslugo.es ou de maneira presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5€ nas actividades para público adulto e 3 nas actividades familiares. Ademais haberá bonos a un prezo de 27€ nas actividades para público adulto e de 22,50€ nas infantís, que permitirán acceder ás 9 actividades de cada idade. As persoas en paro, menores de 30, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto. As entradas do ciclo Artistas no Foco poderán adquirirse a través do portal Ataquilla, con entradas de diferentes prezos segundo o espectáculo e a butaca escollida.

Maite Ferreiro presenta a programación do Auditorio Municipal para o segundo semestre de 2022