A Xunta de Goberno deste xoves iniciará o procedemento de licitación da pavimentación do entorno do Gustavo Freire
Unha vez adxudicada, a obra terá un prazo de realización de un mes
A actuación conta cun orzamento base de 72.282,44€
Lugo, 23 de decembro de 2019. O Alcalde en funcións, Rubén Arroxo, anunciou que a Xunta de Goberno do vindeiro xoves aprobará iniciar o procedemento para licitar a pavimentación do entorno do Auditorio Municipal Gustavo Freire, mediante un procedemento aberto simplificado. Rubén Arroxo lembrou que “esta actuación foi unha das propostas que se aprobaron co suplemento de crédito do pasado mes de setembro”
O procedemento parte dun orzamento de 72.282,44€, que inclúen a pavimentación con asfaltado en quente, o repintado de marcas viais. Unha vez se adxudique, a empresa terá de prazo un mes para realizar as actuacións.
“Trátase dunha actuación necesaria, e pedida polas persoas usuarias tanto do Auditorio coma do parque da Milagrosa, debido ao estado de deterioro no que se atopa actualmente”, indicou Rubén Arroxo, que engadiu “dentro do reto que está a asumir a área de Cultura, coa xestión de catro grandes infraestruturas culturais, que deben estar nas mellores condicións posíbeis”.