A Xunta de Goberno aproba varias actuacións de mellora na cidade

Rubén Arroxo deu conta dos acordos, que inclúen melloras no cemiterio e no Auditorio Municipal, ademais da creación de novos pasos de peóns elevados

A Xunta de Goberno aproba varias actuacións de mellora na cidade

Lugo, 26 de decembro de 2019. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, deu conta dos acordos da Xunta de Goberno do día de hoxe, onde se aprobou iniciar o procedemento de licitación para realizar pasos peonís elevados nas rúas Rei Xordo, Alexandre Bóveda, Galiza, Mariña Española e Angelo Colocci, que parte dun orzamento de 96.791,30€. Rubén Arroxo declarou que se trata dunha medida “para calmar o tráfico das zonas escolares”. “Traballamos para complementar as medidas que xa se están implantando dende a propia Dirección Xeral de Tráfico, que van encamiñadas a cidades con tráficos calmados e cun menor número de vehículos circulando”, indicou Rubén Arroxo.

Aprobouse tamén o procedemento para licitar a pavimentación do entorno do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Rubén Arroxo lembrou que “esta actuación foi unha das propostas que se aprobaron co suplemento de crédito do pasado mes de setembro”. O procedemento parte dun orzamento de 72.282,44€, que inclúen a pavimentación con asfaltado en quente, o repintado de marcas viais. Unha vez se adxudique, a empresa terá de prazo un mes para realizar as actuacións. “Trátase dunha actuación necesaria, e pedida polas persoas usuarias tanto do Auditorio coma do parque da Milagrosa, debido ao estado de deterioro no que se atopa actualmente”, indicou Rubén Arroxo

Ao respecto da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, Rubén Arroxo anunciou que se iniciou tamén o procedemento para rehabilitar cunetas e rexenerar de pavimentos no cemiterio de San Froilán. O Tenente de Alcalde indicou que contarán cun orzamento de 19.970,44€ e 66.467,65€ respectivamente. Rubén Arroxo declarou “que dende a área de Participación aténdese a unha necesidade da que se leva falando moito tempo e estase a traballar para que Lugo conte cun Cemiterio Municipal público e referencial”.

A Xunta de Goberno aproba varias actuacións de mellora na cidade