A área de Cultura colabora coa asociación Lóstregos Lucus no IV Desafío Lóstrego
Maite Ferreiro: “trátase dunha oportunidade para coñecer Lugo dun xeito ameno e lúdico”
A proba comezará en Lugo e será puntuable para o campionato galego de Mototurismo
Lugo, 02 de maio de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, xunto con integrantes da asociación Lóstregos Lucus, presentaron a cuarta edición do Desafío Lóstrego, “unha proba mototurista xa consolidada e que conta cunha gran participación por parte das afeccionadas e dos afeccionados a esta modalidade”.
O IV Desafío Lóstrego terá lugar o vindeiro 25 de xuño, partindo desde Lugo e rematando no Incio. A ruta será apta para todo tipo de motos, e poderá realizarse por estrada ou na modalidade de trail. As persoas participantes poderán puntuar no campionato galego de mototurismo.
As inscricións abriranse o vindeiro día 15, cun custo de 40€ para só piloto e 80€ para piloto e acompañante. A inscrición inclúe o dorsal, camiseta do evento, adhesivos e o pasaporte Biker Friendly, ademais de almorzo, comida e cea para a xornada. Ademais, ao remate da actividade todas as persoas participantes participarán en sorteos de agasallos.