A área de Cultura e o Conservatorio de Lugo organizan concertos na rúa
O casco histórico acollerá ao estudantado do conservatorio, que farán microconcertos entre o 27 e o 30 de abril
Rubén Arroxo: “queremos visibilizar as ensinanzas de música de Lugo, axudando ás estudantes a mostrar o seu traballo”
Lugo, 25 de abril de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, presentou, xunto con representantes do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo o ciclo O conservatorio na rúa, co que desde a área de Cultura e o Conservatorio se achegará a obra das estudantes do conservatorio ás distintas prazas do casco histórico, entre o 27 e o 30 de abril.
Rubén Arroxo explicou que “o obxectivo desta actividade é visibilizar as ensinanzas oficiais de música coas que contamos na cidade, e motivar ás estudantes, xa que poderán mostrar o aprendido durante os seus estudos ao mesmo tempo que dinamizan as rúas”.
O ciclo O conservatorio na rúa comezará o martes 27 de abril, coas seguintes agrupacións:
-
Dúo de Saxofóns, formado por Violeta Fraga e Xoel Pérez.
-
Orquestra de Guitarras, formado por Carolina Ferreiro, Diego López, Inés Freire, Lidia Mouriño, Mailen García, María Lorenzo, María Bunz, Noa Fernández, Patricia Neto, Saúl Mazoy e Tatiana Cabaneiro.
O mércores 28 será o turno do Dúo de guitarra e clarinete, con Sira Goyanes (guitarra) e Julia Valdés (clarinete).
O xoves 29, contarase co Grupo de frautas, con Lucía Domínguez, Alba Anllo, Nahir Guzmán e Iago López.
A actividade rematará o venres 30 coas seguintes agrupacións:
-
Dúo de Frautas, con Pedro Blanco e Lucas Santos.
-
Piano solo, con Pablo Rico.
-
Piano a catro mans, con Marta Fernández e Nerea López.