BAIXO O NOME #SAMAÍNEANDO, DESENVOLVERANSE UN TOTAL DE 6 ACTIVIDADES ENTRE O 28 DE OUTUBRO E O 2 DE NOVEMBRO
A Área de Cultura presenta as actividades do Samaín 2019
As actividades terán lugar no Vello Cárcere, no percorrido do Camiño Primitivo, e na praza da Soidade
Lugo, 26 de outubro de 2019. A edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou no día de hoxe as actividades culturais deste Samaín. Baixo o nome #SAMAÍNeANDO, un total de 6 actividades para distintos públicos terán lugar entre o 28 de outubro e o 2 de novembro.
Do 28 ao 31 de outubro, o Vello Cárcere acollerá unha serie de obradoiros de preparación do Samaín en familia. Cunha duración de tres horas, divididas en tres obradoiros distintos, as persoas asistentes poderán elaborar os seus propios traxes para acompañar á Santa Compaña. Cada xornada comezará cun obradoiro de elaboración de capas brancas con carapucha de 17 a 18 horas. A continuación, de 18 a 19, realizarán candeas de cera e por último, de 19 a 20 horas, terá lugar un obradoiro de maquillaxe das ánimas. Estes obradoiros están limitados a 25 persoas, e daránselles prioridade ás nenas e nenos. No caso de que queden prazas vacantes, cubriranse con persoas adultas. As nenas e nenos menores de 8 anos deberán estar acompañadas por unha persoa adulta, e cada participante deberá acudir ao obradoiro con tesoiras e un vaso de iogur de cristal ou un tarro pequeno de cristal con rosca. As inscricións realizaranse chamando ao 010.
No día de samaín, o Vello Cárcere acollerá entre as 17 e as 19 horas o Vaia polas ánimas!, un obradorio de rosarios de zonchos para familias ou menores acompañados que pretende recuperar e actualizar esta fermosa tradición. A actividade estará limitada a 90 prazas. A tarde continuará, a partir das 20:30 na Porta de San Pedro cun paseo teatralizado en familia polo Camiño Primitivo ao seu paso polo recinto histórico da cidade. As familias participantes nos obradoiros, así como o público xeral, acompañarán á Santa Compaña no seu devagar polo recinto histórico, onde se irán atopando con diversos personaxes, que decidirán ou non se unirse a ela. O día rematará, a partir das 23 horas na praza da Soidade, SAMAÍNeANDO e bailando coa Duendeneta.