A área de Participación adxudica novos postos na Praza de Abastos e o Mercado municipal
Cristina López: "desde que puxemos en marcha a área de participación estamos traballando para que a Praza e o Mercado chegue ao total funcionamento"
A concesión aprobada esta semana remata o procedemento iniciado a comezos do pasado ano
Lugo, 21 de marzo de 2021.A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, informou da adxudicación de 7 novos postos na Praza de Abastos e o Mercado municipal o pasado mércores en Xunta de Goberno. Os postos adxudicados son os números 21 e 22 do Mercado Municipal, xunto coa cámara e almacén número 1, que terán unha concesión de 25 anos non prorrogables. A concesión realizada esta semana remata o procedemento iniciado a comezos do pasado ano.
"Seguimos traballando para que a Praza e o Mercado cheguen a ter o total dos seus postos ocupados e en funcionamento" declarou Cristina López, que destacou que "na Praza e no Mercado atopamos produtos de calidade, ao mesmo tempo que recibimos a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto".
Cristina López destacou a importancia do comercio local, "que demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria", e afirmou que "neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social, para o que o pequeno comercio se volve imprescindible". A edil de Participación afirmou que “a peonalización de Quiroga Ballesteros permitirá ter un entorno axeitado para dinamizar a economía nun entorno privilexiado do centro da cidade”.