Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan, xunto con veciñas e veciños, o barrio de Albeiros
Rubén Arroxo: “nos vindeiros meses modificarase a circulación na contorna do colexio para mellorar a seguridade peonil”
O Tenente de Alcalde destacou que “desde a área de Mobilidade realizamos actuacións nos distintos barrios, seguindo as peticións veciñais”
Lugo, 22 de marzo de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou o barrio de Albeiros xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, e veciñas e veciños da zona. O Tenente de Alcalde explicou que “desde a área de Mobilidade desenvolvemos traballos nas zonas urbanas e periurbanas da cidade, tendo en conta sempre as solicitudes da veciñanza, que coñecen de primeira man as necesidades da súa zona”.
Arroxo destacou as actuacións realizadas pola área de Mobilidade e Infraestruturas nos últimos meses, entre as que se atopan a mellora do alumeado público e o acondicionamento de varios viais, entre os que se atopan o Camiño de Namela e as rúas do Vento, Cuartel, Couselo, Romeu, e o Camiño da Croa. O Tenente de Alcalde lembrou que a comisión municipal de tráfico celebrada na pasada semana realizará “unha importante modificación da circulación que servirá para dar máis seguridade á zona escolar de Albeiros, que actualmente carece de pasos de peóns axeitados, algo que foi solicitado en diversas ocasións polas familias que acuden ao centro”.
Esta reordenación afectará ás rúas do Xenebro, Garaballa de Arriba (treito sen beirarrúas) e Illa de Ons, A Rúa Xenebro pasará a ser de sentido único dende Rúa Illa de Ons ata a conexión coa vía de servizo da Ronda Norte (Garaballa de Arriba) e habilitarase unha banda de preferencia de uso peonil na marxe dereita, que continuará no treito da vía de servizo da Ronda Norte dende a glorieta (Garaballa de Arriba ata o CEIP Albeiros), percorrendo a mesma dende a Ronda Norte ata o CEIP Albeiros.
Na rúa Illa de Ons, dende a Rúa Pardillo ata a Rúa Xenebro, modificarase a circulación, quedando en sentido único e percorrendo a vía dende a Rúa do Pardillo ata a Rúa Xenebro, con banda de preferencia de uso peonil na marxe dereita. O tramo da Rúa Xenebro comprendido entre Rúa Illa de Ons e Rúa Dolmen manterá o dobre sentido de circulación para o tráfico rodado, con banda de preferencia peonil na marxe dereita.