O BNG en Becerreá propón a creación dunha escola de música
Esta proposta irá no vindeiro pleno a través dunha moción, no que a edil Sabela Pérez Martínez sinalou que “a cultura é un ben de primeira necesidade”
O Bloque levará tamén ao pleno a suxestión dun servizo a domicilio do punto limpo e preguntará sobre a proxección de diversos parques eólicos
Becerreá, 24 de marzo de 2021. O Bloque Nacionalista Galego en Becerreá propón, a través dunha moción no vindeiro pleno municipal, a creación dunha escola municipal de música.
Sabela Pérez Martínez, voceira e edil municipal do BNG na localidade, sinalou que este servizo é fundamental para desenvolver actividades culturais e educativas desde o Concello no que “apostar pola creación desta escola garante o acceso a cultura a toda a veciñanza, desde os máis miúdos aos máis grandes da casa” sinalou Sabela Pérez.
Neste senso, a concelleira fixo fincapé en que “a cultura é un ben de primeira necesidade, o que as administracións públicas teñen a responsabilidade de potenciar para avanzar como sociedade, un servizo público que Becerreá ten que dispoñer de igual xeito que outros lugares” declarou Sabela Pérez.
Parques eólicos e servizo a domicilio do punto limpo
De igual xeito, no vindeiro pleno municipal Sabela Pérez preguntará ao goberno municipal cal é a súa postura respecto a posíbel execución de diversos parques eólicos en Becerreá, en concreto sobre o de Restelo, Monteiro, Chao do Marco ou Serra do Furco. Ao que tamén, que informacións e que procedementos de control e supervisión está levando a cabo o goberno municipal neste eido .
A edil, tamén, suxerirá a implantación dun servizo a domicilio do punto limpo, o que até agora non existe. A implantación deste método melloraría a xestión dos residuos como da comodidade da veciñanza á hora da reciclaxe.