A área de Participación avanza na mellora dos mercados de Lugo
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou a actualización dos censos do mercado Tradicional e de Antigüidades e Coleccionismo
Cristina López: “actualizamos o rexistro de vendedores e vendedoras para poder ofrecer o mellor servizo ás usuarias dos mercados da cidade”
Lugo, 04 de marzo de 2020. A Xunta de Goberno de hoxe vén de aprobar a actualización anual dos censos do mercado Tradicional e de Antigüidades e Coleccionismo. Segundo indicou Cristina López, concelleira responsábel da área de Participación e Servizos para a Veciñanza, “con este trámite actualizamos o rexistro de vendedores e vendedoras que forman parte destes mercados, para poder ofrecer o mellor servizo posíbel ás usuarias e usuarios destes mercados”.
“Os mercados son para nós un piar estratéxico para a economía”, indicou Cristina López, que engadiu “o mercado tradicional é un exemplo de fonte de creación de valor engadido para as nosas produtoras e produtores”.
O mercado tradicional está formado por 131 postos, e celébrase os martes e venres de 08:30 a 14:30. No caso de que un martes ou venres sexa festivo, celebrarase o día anterior. Os produtos que se venden neste mercado son os propios da colleita, que cumpren a normativa sobre seguridade alimentaria e contan coas autorizacións en vigor. O mercado de antigüidades contén 12 postos que se colocan no fondo da praza maior (en caso de choiva, nos soportais) e celébrase durante o segundo e terceiro domingo de cada mes.