Reuniuse a comisión de Festas para valorar as contas do San Froilán 2019 e avanzar na edición 2020
Maite Ferreiro: “apostamos por darlle un pulo ás festas, en cantidade e calidade de actuacións, para facer do San Froilán a gran festa do outono galego”
Dende a área de Cultura tivéronse en conta as propostas de artistas da cidade
Lugo, 04 de marzo de 2020. A Comisión de Festas reuniuse no día de hoxe para analizar os resultados do San Froilán 2019. Segundo explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, “nesta edición buscamos aumentar o número de actuacións, pasando de 90 a máis de 130, e buscando que fosen espectáculos de calidade”. Ferreiro afirmou que “neste San Froilán fixemos un esforzo por racionalizar o gasto, tendo en conta a presenza de actividades para todo tipo de públicos e gustos, que encheron as prazas durante os nove días de festa”.
Dende a área de Cultura investíronse un total de 920.000€ na realización das festas, dos que o concello recibiu 529.000. “Este ano traballamos por centralizar a inversión nas festas, no canto de distribuílas entre distintas áreas, como se viña facendo nos últimos anos”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “a totalidade dos gastos fixéronse dende a área de Cultura, agás a colaboración que mantivemos coa área de Medio Ambiente para a instalación de sanitarios no entorno das festas”.
Durante a edición 2019, dende a área de Cultura traballouse tamén, por darlle o protagonismo ás artistas lucenses, colaborando con multitude de grupos e colectivos da cidade, que tiveron presencia durante todos os días das festas. Mate Ferreiro declarou que “comezamos xa a traballar no San Froilán 2020, para que esta edición o convirta, definitivamente, na gran festa do outono galego”.