O concello de Lugo informa das obras que se están realizando na rúa Vía Láctea
Dende a área de infraestruturas infórmase da necesidade de circular con precaución até o remate definitivo da obra
Alexandre Penas: “notificaremos o comezo de obras noutras vías da cidade para evitar incomodidades á veciñanza”
Lugo, 05 de marzo de 2020. Durante os pasados días, dende a Concellería de Infraestruturas levouse a cabo o acondicionamento da rúa Vía Láctea. A solución adoptada pola concellería consistiu na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente. Unha vez rematada esta actuación, procederase a adaptar a altura das tapas de rexistro e a pintarse a sinalización horizontal.
Segundo indicou Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, “trátase dunha actuación moi necesaria debido ao estado desta vía, que se foi deteriorando nos últimos anos”. Alexandre Penas afirmou que “dende a Concellería de Infraestruturas Urbanas temos presentes as actuacións que son necesarias nos distintos barrios da cidade, xa que algúns que levan moitos anos sen recibir ningunha intervención”.
Travesía Virxe da Esperanza
Alexandre Penas indicou que o persoal técnico da concellería de Infraestruturas Urbanas realizou, durante as pasadas semanas, a toma de datos da travesía Virxe da Esperanza, que une o barrio de Montirón co Paseo do Rato. Segundo informou Alexandre Penas, “o persoal municipal está xa a elaborar o proxecto para poder solucionar canto antes unha necesidade da veciñanza da contorna”.