A área de Participación ordena a atención ao cidadán cun novo sistema tickets de espera do edificio administrativo
Rubén Arroxo e Cristina López achegáronse hoxe ata o seminario para comprobar o novo sistema que vén de comezar a funcionar
Cristina López: “reordenamos a atención á veciñanza, tratando de que os tempos de espera nas instalacións municipais sexan mínimos para as persoas que se achegan sen cita previa de 9 a 14 horas”
Lugo, 01 de marzo de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, anunciou que a Tenencia de Alcaldía renovou o sistema de atención ao cidadán, renovando o sistema de tickets da entrada do edificio administrativo. Cristina López explicou que “con este novo sistema, a veciñanza pode obter ticket para máis servizos que co sistema anterior, o que reducirá os tempos de espera”. Con este novo sistema, a Tenencia de Alcaldía garante a atención presencial nos distintos servizos da planta baixa do Seminario a todas as persoas que se acheguen no horario de atención (de 9 a 14 horas) sen cita previa.
Xunto co novo sistema, instaláronse dúas pantallas de gran formato que xestionarán as chamadas das persoas nos distintos servizos.
"A veciñanza pode solicitar cita previa para a atención presencial, garantindo que será atendida a unha hora concreta sen ter que esperar nas oficinas de atención, ou presentarse no Concello", e engadiu "as persoas que se achegan ás oficinas sen solicitar cita previa son atendidas no primeiro oco dispoñible no servizo".
O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro e Tarxeta Cidadá. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.
A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento. Cristina López afirmou que "queremos facilitar á veciñanza o acceso aos trámites presenciais no concello, garantindo que todas as persoas poidan ser atendidas de maneira fluída e sen retrasos".