A área de Participación organiza actividades no Cemiterio e nos mercados polo día do Orgullo LGBT
Cristina López: "realizaremos unha acción simbólica no cemiterio para lembrar a todas as persoas que en vida tiveron que ocultar a súa orientación sexual"
O luns 28, os distintos postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal agasallarán material promocional con temática LGBT
Lugo, 27 de xuño de 2021. A área de Participación e servizos para a Veciñanza organiza unha serie de actividades no Cemiterio Municipal e nos Mercados para celebrar o día do Orgullo LGBT. Cristina López explicou que “realizaremos unha acción simbólica nas instalacións do cemiterio para lembrar a todas as persoas que en vida tiveron que ocultar a súa orientación sexual”.
"Trátase dunha homenaxe a todas as persoas LGBT que repousan no noso Cemiterio, mais tamén é unha chamada ao conxunto da sociedade para avanzar na eliminación de todo tipo de discriminacións e violencia, especialmente contra a diversidade afectivo sexual", afirmou Cristina López, que lembrou que "malia que se faga especial fincapé en datas sinaladas, como o orgullo LGBT, debemos traballar nisto durante todos os días do ano".
Os distintos postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal entregarán material promocional con temática LGBT a todas as persoas que se acheguen a realizar as súas compras en ambas instalación municipais.
Cristina López sinalou a necesidade "de visibilizar e reivindicar máis ca nunca o dereito de todas as persoas a vivir libremente" e advertiu "do perigo de certos discursos que fan retroceder á sociedade no recoñecemento da diversidade afectivo sexual".