O Goberno de Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba

“Renovarase a estética da Porta de Santiago, onde se xuntan os tres patrimonios da humanidade de Lugo”, explicou Rubén Arroxo

O Concello aprobou a adxudicación da obra á empresa SANLE S.L. por baixo dos 575.990 € orzamentados e un prazo de execución de 6 meses

O Goberno de Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba

Lugo, 27 de xuño de 2021. O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, informou dos avances realizados na de transformación da Ronda da Muralla, no percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba.

 

O Tenente de Alcalde explicou que este mércores a Xunta de Goberno deu o visto bo para adxudicar esta actuación á empresa SANLE S.L., que presentou un orzamento de por debaixo dos 575.990,77 euros orzamentados e un prazo de realización de 6 meses. “Unha vez rematen os traballos desta zona e a peonalización do treito da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa totalidade da zona sur da Muralla humanizada”, explicou Arroxo.

 

“Trátase dunha zona situada a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento na que realizamos unha intervención temporal no 2020, anulando un carril de circulación ao tráfico rodado, aumentando o espazo peonil arredor do monumento”, declarou Rubén Arroxo.

 

Segundo Rubén Arroxo, “a mellora deste treito permitirá transformar o entorno da Ronda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos”. Ademais, o Tenente Alcalde explicou que “o proxecto que se levará adiante permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Ronda da Muralla”.

 

O alumeado deste treito consistirá en 9 luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás

 

En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que “os vehículos  contarán con maior fluidez, xa que se modificará o cruce da Ronda da Muralla coa rúa Santiago”. O cruce pasará de ter o actual semáforo de 3 tempos a contar con preferencia no tráfico que circule pola Ronda, tendo un Ceda o Paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.

O Goberno de Lugo avanza na transformación da Ronda da Muralla entre as rúas Santiago e Vilalba