A área de Participación retoma a campaña O noso Mercado é un agasallo
Todas as persoas que realicen compras por máis de 40 euros na Praza e no Mercado recibirán un agasallo
A campaña comezará o vindeiro sábado 20 de febreiro, e terá lugar o primeiro e o terceiro sábado de cada mes
Lugo, 17 de febreiro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, anunciou o reinicio da campaña O noso Mercado é un agasallo, que fora posta en marcha durante o Nadal para promocionar as compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal. “Queremos retomar unha campaña que xa foi un éxito no Nadal, cando centos de veciñas e veciños se achegaron ás instalacións para facer as súas compras”.
A campaña Este Mercado é un agasallo terá lugar, nesta nova posta en marcha, o primeiro e o terceiro sábado de cada mes, e comezará o vindeiro sábado 20. Cristina López explicou que “durante as mañás do primeiro e do terceiro sábado de cada mes, habilitarase un posto na Praza de Abastos para que as persoas que fagan compras cun importe superior a 40€ se acheguen cos tiques de compra para recibir o seu agasallo”.
Cristina López afirmou que “continuamos a realizar campañas e promocións durante este ano para achegar á veciñanza os produtos de calidade e a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto”. A edil de Participación destacou a importancia do comercio local, “que demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria”, e afirmou que “neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social, para o que o pequeno comercio se volve imprescindible”.