As áreas de Cultura do Concello e da Deputación impulsan a reapertura do Pazo de Montenegro
Maite Ferreiro: “esta instalación será un dos principais escenarios da programación do novo Lugo Cultural, e a reapertura comezará mañá coa presentación da programación para este curso”
O convenio Lugo Cultural está financiado polas áreas de Cultura do Concello e da Deputación xunto co Campus de Lugo “para crear unha programación diversa e sostida no tempo para a veciñanza de Lugo e o público universitario”
Lugo, 06 de febreiro de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que mañá o Pazo de Montenegro acollerá a presentación da nova edición do convenio Lugo Cultural. “Desde o Concello e a Deputación traballamos para que, despois de que a Universidade mostrase a intención de pechar o Pazo de Montenegro, este edificio continuase a ter actividade, e conseguímolo convertendo esta instalación nun dos principais escenarios do Lugo Cultural”, afirmou a Concelleira de Cultura, que engadiu “a reapertura do edificio comezará mañá coa presentación da programación para o presente curso”.
A presentación do Lugo Cultural terá lugar mañá, martes 07 de febreiro a partir das 13:00. Contará coas intervencións de Maite Ferreiro e representantes da USC. Ferreiro anunciou que a programación 2023 contará “con diversas actividades para distintos gustos, repetindo o éxito de anos anteriores”. Entre as actividades cóntanse concertos de música clásica, visitas guiadas, concertos de grupos galegos en gran formato e en acústico, encontros con artistas, certames audiovisuais e fotográficos ou cursos e actuacións teatrais.
O convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC, conta co financiamento das áreas de Cultura do Concello e da Deputación, que xunto co Campus de Lugo da USC crean “unha programación diversa e sostida no tempo dirixida á veciñanza de Lugo e ao público universitario da cidade”.