O BNG presenta unha moción no pleno municipal para revisar o trazado da Rolda Leste
Rubén Arroxo: “a Xunta pretende executar a Rolda Leste cun trazado que invade un entorno natural de inmenso valor patrimonial como a contorna do Rato”
O BNG iniciou unha campaña informativa para mostrar á veciñanza a perda patrimonial que supón o trazado actual
Lugo, 06 de febreiro de 2023. O BNG presentou unha moción para o vindeiro pleno municipal para reclamar á Xunta de Galiza que revise o trazado da Rolda Leste, convertendo o trazado deste vial que permita avanzar nas comunicacións de Lugo ao mesmo tempo que se da prioridade á protección da contorna do Rato. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, explicou que “a Xunta pretende executar o treito pendente da Rolda Leste cun trazado que invade un entorno natural que conta cun gran valor patrimonial e medioambiental como a contorna do Rato”.
O BNG iniciou unha campaña informativa sobre o proxecto da Rolda Leste, "informando á veciñanza sobre os danos que este proxecto suporá na contorna do río Rato, destruíndo máis dun kilómetro de terreo", declarou Arroxo, que engadiu "sería impensable hoxe repetir o debate de hai 100 anos sobre derrubar a muralla, pero é algo similar ao que a Rolda Leste suporá para o río Rato".
Arroxo anunciou que a campaña do BNG incluirá mobilizacións "para facilitar que a veciñanza amose a súa oposición a este proxecto", e puxo como exemplo o derrubamento do Gran Teatro, "algo que xa non ten marcha atrás e que supuxo unha gran perda para Lugo, non podemos permitir que isto se repita na contorna do Rato".
A Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 km entre a LU-530 e a N-VI. Esta infraestrutura, que contará con dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles e importantes estruturas na execución do seu percorrido, afectará ás carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende. Preténdese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais accesos cara ao hospital Lucus Augusti. O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construcción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste.