O Arquivo Municipal únese á celebración do Día Internacional dos Arquivos, baixo o lema #EmpoderarOsArquivos
A concelleira Cristina López lembrou que “o fondo municipal abrangue documentos que datan do século XII, e que chegan ata a actualidade”
O Arquivo Municipal está aberto ás visitas da veciñanza de luns a venres entre as 9 e as 14 horas, para as que é preciso solicitar Cita Previa
Lugo, 08 de xuño de 2021. O Arquivo Municipal do Concello de Lugo unirase mañá á celebración do Día Internacional dos Arquivos, que anualmente convoca o Consello Internacional de Arquivos, e que este ano se celebra baixo o lema #EmpoderarOsArquivos. A edil responsábel do Arquivo Municipal, Cristina López, destacou “a importancia dos fondos almacenados no Arquivo Municipal, que nos permiten consultar o noso pasado e a nosa historia”.
O fondo do Arquivo Municipal de Lugo contén documentos que datan do século XII ata a actualidade, contando con documentación do pasado da cidade e do Concello, que explican a evolución de Lugo ata o presente. Ademais, cóntase coa colección fotográfica Delgado Guisasola, á que se pode acceder desde a web municipal.
Durante o ano en curso, o arquivo municipal atendeu 175 solicitudes da veciñanza para consultar documentación. A edil de Participación lembrou que o arquivo está aberto para as visitas da veciñanza, para o que é preciso pedir cita previa no teléfono 982 297 249.