Maite Ferreiro e Rubén Arroxo presentan o ciclo de visitas turísticas #PaseArte, que inclúe rutas en bicicleta pola cidade
Maite Ferreiro: “a nova programación contará con 63 paseos pola cidade, con novas rutas en bicicleta para promover unha nova mobilidade máis sostible”
As visitas terán lugar os venres, sábados e domingos entre o 11 de xuño e o 12 de setembro
Lugo, 09 de xuño de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro presentou as visitas turísticas que se organizan desde o Concello de cara a este verán. Maite Ferreiro explicou que “a nova programación contará con 63 paseos guiados pola cidade, tanto para as persoas que decidan visitarnos como para as veciñas e veciños de Lugo”.
Entre o 11 de xuño e o 12 de setembro, a área de Cultura organiza visitas guiadas todos os venres, sábados e domingos ás 12 horas. Serán visitas guiadas polo casco histórico, onde se explicará o patrimonio artístico e cultural do centro da cidade, e que partirán desde a oficina de Turismo, situada na praza do Campo.
“Este ano, como novidade, organizamos novas rutas coas que desfrutar da arte nas rúas, nas súas distintas expresións”, declarou Maite Ferreiro, que engadiu “visitaranse as intervencións artísticas, entre as que se atopan os murais realizados durante o Culturban, elementos escultóricos e as palabras do ano entre outras mostras artísticas das rúas”. Estas novas visitas organizaranse a pé e en bicicleta, “apostando por unha mobilidade sostible e saudable”, afirmou Maite Ferreiro.
As rutas artísticas terán lugar entre o 25 de xuño e o 17 de setembro, durante 10 venres, 7 mércores e catro sábados. Para as visitas en bicicleta, será preciso que cada persoa leve a súa.
Datas visitas
A pé entre as 18 e as 20 horas: 3 de setembro, 10 de setembro, 17 de setembro.
A pé entre as 19 e as 21 horas: 25 de xuño, 9 de xullo, 16 de xullo, 30 de xullo, 6 de agosto, 20 de agosto e 27 de agosto.
En bicicleta entre as 11 e as 13 horas: 31 de xullo, 7 de agosto, 28 de agosto e 4 de setembro.
En bicicleta entre as 19 e as 21 horas: 30 de xuño, 7 de xullo, 14 de xullo, 21 de xullo, 4 de agosto, 18 de agosto e 25 de agosto.