Arroxo: “desde o BNG estamos xa a traballar en emendas para os orzamentos da Xunta e do Estado”

O portavoz do BNG no Concello de Lugo afirmou que “o Goberno galego continúa nestes orzamentos sen atender á rehabilitación do barrio da Tinería” 

O BNG reclamará ao goberno do Estado que complete as infraestruturas que ten pendentes en Lugo

Arroxo: “desde o BNG estamos xa a traballar en emendas para os orzamentos da Xunta e do Estado”

Lugo, 28 de outubro de 2021. O Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que “desde o BNG estamos a preparar xa as emendas, que se presentarán a través do grupo parlamentario líder da oposición aos orzamentos da Xunta de Galiza para reclamar que se executen os proxectos que se levan anunciando moito tempo e que vemos como ano tras ano reciben partidas irrisorias ou simplemente non aparecen no proxecto de contas”.

 

No tocante aos orzamentos da Xunta, Rubén Arroxo afirmou que “un ano máis vemos como a Xunta se esquece da Tinería un ano máis”. O BNG reclamará nos orzamentos que o goberno galego retome o proxecto de rehabilitación do barrio máis antigo de Lugo, que foi iniciado cando o BNG tivo responsabilidades no goberno galego. Arroxo explicou que “mentres desde o goberno de Lugo estamos a traballar na humanización da Muralla, vemos como a Xunta de Galiza continúa a deixar en ruinas un barrio histórico do centro de Lugo”.

 

“De cara aos orzamentos do estado reclamaremos cuestións necesarias para Lugo como a modernización da liña de ferrocarril Lugo – Coruña ou que se realicen avances na conexión de Compostela, cunha variante desa mesma liña”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “é preciso tamén que o Estado complete outras infraestruturas moi necesarias para vertebrar e comunicar o territorio galego, como rematar a A-54 de Lugo a Compostela ou avanzar na conexión por estrada entre Lugo e Ourense”.

Arroxo: “desde o BNG estamos xa a traballar en emendas para os orzamentos da Xunta e do Estado”