ARROXO ADVERTIU QUE “BALSEIRO ABRIU UN DEBATE INEXISTENTE POR QUE NO PP ESTÁN PREOCUPADOS POLA PERDA DE APOIOS QUE SE VAN CARA A ULTRADEREITA”
Arroxo pediu “transparencia” sobre os trámites no relativo aos escudos franquistas nos edificios públicos
O BNG pedirá que se fagan públicos o expedientes que provocaron a liorta entre Xunta e Concello pola retirada da simboloxía franquista
Lugo, 10 de decembro de 2018. Rubén Arroxo pediu que Concello e Xunta fagan públicos os expedientes relativos ao tapado dos escudos franquistas en edificios públicos da cidade e tamén toda a documentación relativa á denuncia e comunicacións entre administracións nas que a Xunta basea a súa intención de volver a destapar os símbolos franquistas. “O concello debería publicar na web municipal toda a documentación coa que lle requiriu á Xunta a reposición da legalidade e a denuncia que motivou todo este lío para que se saiba como se xesta e se resolve este asunto que non tiña que terse posto en marcha” dixo Rubén Arroxo.
Ademais, o voceiro do BNG tamén sinalou que “o sr. Balseiro debería, tamén facer público todo o expediente co que se tramitou a actuación feita para tapar os escudos”. Para o BNG “a maiores do xeito de tramitar estas actuacións están presas manifestadas polo sr. Balseiro para destapar o escudo franquista do IES Lucus Augusti” dixo Arroxo e adevertiu “Balseiro abriu un debate inexistente por que no PP están preocupados pola perda de apoios que se van cara a ultradereita”.
Arroxo adiantou que o BNG seguirá traballando, como fixo sempre, para eliminar a simboloxía franquista da cidade porque “ademais do que marca a Lei de Memoría Histórica, tense demostrado que a grande maioría da poboación non comparte que se siga homenaxeando a un réxime ditatorial que cometeu auténticas atrocidades”. O BNG seguirá levando ás institucións iniciativas para avanzar na retirada de símbolos relacionados co franquismo.
Sen presa para outros asuntos
O voceiro do BNG lamentou que a Xunta non se dea tanta presa para solventar outros asuntos que ten pendentes con Lugo como a apertura do novo auditorio ou darlle solución ao cuartel de San Fernando. Para o BNG resulta sorprendente “as presas” do Delegado da Xunta para destapar os escudos anticonstitucionais “mentres permite que outras cuestións que son máis importantes para Lugo, permanezan sen solución”.