ARROXO SINALOU QUE “NON É NORMAL QUE ENTRE DÚAS ADMINISTRACIÓNS NON SE ANALICEN AS NORMATIVAS ANTES DE EXECUTAR UNHA ACTUACIÓN DESTE TIPO”
O BNG levará unha moción ao Pleno para que Xunta e Concello acorden a retirada da simboloxía franquista
Para o BNG “tampouco é normal a premura da Xunta para volver a destapar o escudo fascista do IES Lucus Augusti”
Lugo, 8 de decembro de 2018. Rubén Arroxo anunciou que o BNG levará ao Pleno do Concello de Lugo unha proposición para que Xunta e Concello leven a cabo os trámites necesarios para repoñer á legalidade as actuacións feitas pola Xunta para facer desaparecer os escudos franquistas en edificios públicos. Arroxo apuntou que “é evidente que se trata dunha cuestión burocrática e entendemos que se pode salvar sen problema se os técnicos do Concello e da Xunta buscan o camiño axeitado”. Arroxo sinalou que “non é normal que entre dúas administracións non se analicen as normativas antes de executar unha actuación deste tipo para acometela cumprindo as diferentes normativas”.
“Se realmente hai consenso sobre este asunto queremos que se plasme no debate plenario e que se busque a solución técnica axeitada para evitar o incumprimento de normativas municipais” dixo o voceiro do BNG e lembrou que “existe unha Lei da Memoria Histórica que, evidentemente, é de rango superior á normativa municipal e que tamén haberá que cumprir”. Arroxo insistiu, tamén, na “nefasta xestión” de este asunto por parte do concello.
Para o BNG “tampouco é normal a premura da Xunta para volver a destapar o escudo fascista do IES Lucus Augusti”, Arroxo engadiu “parece que Balseiro ten máis presa por destapar os aguiluchos que por buscar unha solución para darlle legalidade a unha actuación que xa está rematada e asumida”. Trátase dunha cuestión que non é menor dende o punto de vista político por que activa informacións e contrainformacións. PP e PSOE volven a atopar excusa para utilizar as institucións que gobernan como dous arietes e enfrontarse, mentres temas cruciais para cidade seguen aparcados.
Revisión do PEPRI
A revisión e actualización do PEPRI é unha cuestión necesaria dende fai moitos anos. O BNG pediuno en diversas ocasións. “O tema dos escudos franquistas volve a sacar á luz esta necesidade pero se queremos recuperar e manter vivo o casco histórico e o recinto amurallado é precisa esta revisión do documento que protexe o noso patrimonio para actualizala á realidade actual” dixo Arroxo.