O VOCEIRO DO BNG-AA ENTREGOULLE UN ESCRITO AO DELEGADO DA XUNTA DURANTE A XORNADA DE PORTAS ABERTAS ORGANIZADA PARA AMOSAR OS INMOBLES POSTOS Á VENTA
Arroxo pediulle a Balseiro a paralización da venta dos inmobles da Tinería
“Entendemos que, por respecto á veciñanza, debería paralizarse a venta ata que se celebre a mesa promovida dende as asociacións do barrio” afirmou Arroxo
Lugo, 6 de outubro de 2017. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, entregoulle un escrito ao Delegado da Xunta en Lugo, dirixido ao presidente da Xunta, para solicitar a paralización da venta dos inmobles situados no barrio da Tinería que son propiedade da administración galega. Arroxo entregoulle o escrito ao Delegado da Xunta durante o acto de portas abertas promovido dende a Xunta de Galiza e o IGVS para amosar os inmobles que o Goberno Galego pretende poñer á venda. A este acto acudiron, tamén representantes das asociacións veciñais e empresariais do barrio da Tinería.
O BNG-AA trasladou unha serie de propostas e solicitoulle ao Goberno Galego que se paralice toda decisión de calado sobre este barrio ata ter escoitado a propia mesa de traballo que se constituirá o vindeiro 13 de novembro. Arroxo apuntou que propoñemos esta paralización “posto que, tras a proposta da veciñanza, vense de aprobar a constitución dunha mesa especifica para tratar o barrio da Tineria con representación de todos os grupos municipais, Xunta de Galiza, subdelegación do goberno e asociacións veciñais e empresarias do barrio”.
Rubén Arroxo sinalou que “coa enaxenación destes inmobles o goberno do PP será responsable dunha importante perda de patrimonio público que pasará a mans privadas moi por debaixo da inversión que se leva realizado para a súa rehabilitación”. O proxecto de rehabilitación deste barrio, posto en marcha polo BNG cando tiña responsabilidade no goberno da Xunta, contemplaba o alugueiro dos inmobles propiedade de Xunta como sistema que permitise orientar o uso e ocupación destes locais e evitar, así, que negocios pouco compatibles coa vida no barrio volvesen a proliferar na zona.
O BNG-AA propón que a Xunta de Galiza manteña a propiedade dos inmobles da Tinería, que se desenvolva un plan para a dinamización destes inmobles de xeito que se promova a vida no barrio a través da implantación de negocios e servizos vencellados á promoción turística e encamiñados a xenerar unha rehabitación sustentable do barrio. Para o BNG-AA “é fundamental que se manteña o sistema de alugueiro para orientar o uso e ocupación dos locais ademais de poñer en marcha un plan de conservación e posta en valor dos inmobles e do seu contido”.
Arroxo lembrou que “foi o BNG dende o goberno da Xunta quen apostou pola rehabilitación e rehabitación da zona e agora vemos como o PP aposta por favorecer o pelotazo inmobiliario e facer unha oferta low-cost de inmobles que son patrimonio público e no que se investiron fondos millonarios”. Ademais Arroxo dixo que “algún dos baixos que se poñen á venta poderían albergar elementos patrimoniais importantísimos, como cloacas romanas, que poden ir a mans privadas”.
“O BNG aposta por un modelo de alugueiro co cal a Xunta mantería a propiedade dun patrimonio público no que se investiron moitos millóns de euros de capital público” afirmou Rubén Arroxo que lamentou “a pouca capacidade de xestión do goberno do PP que prefire desfacerse destes inmobles que forman parte do patrimonio público ante a falta de capacidade para darlles unha ocupación que contribúa á recuperación deste barrio”.