Aséntanse os vieiros escolares seguros no Colexio público de Albeiros
Rubén Arroxo e Felipe Rivas participaron esta mañá nos Vieiros Camiño ás aulas, percorrendo unha das rutas habilitadas
Arroxo: “para o vindeiro curso continuaremos a expandir os vieiros a máis centros da cidade”
Lugo, 10 de maio de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, participaron esta mañá nos Vieiros Escolares Seguros postos en marcha pola concellería de Educación no colexio de Albeiros. Rubén Arroxo explicou que “con esta iniciativa buscamos crear o hábito de ir a pé ao colexio”, e engadiu “as distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos meses permitiron que este colexio fose un bo escenario para poñer a anadar este proxecto”.
“Comezamos no colexio de Albeiros, a modo de proxecto piloto ata final de curso, e para o vindeiro ano continuaremos a expandir os vieiros a máis centros”, explicou o Tenente Alcalde.
Actualmente, as nenas e nenos que acoden ao colexio de Albeiros poden realizar dous percorridos, segundo a zona na que residan. O primeiro, parte desde a rúa do Xenebro, e continúa pola rúa Illa de Ons, percorrendo a senda peonil habilitada pola área de Mobilidade no pasado verán. O segundo percorrido chega ao centro a través da rúa Illas Canarias. Ambos percorridos contan con monitoraxe, e permiten que as nenas e nenos se vaian unindo ao longo do camiño, segundo a súa zona de residencia.
A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Rubén Arroxo, que afirmou, "en todas as cidades nas que se promoveron, vimos como se eliminaron os problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo".