Xoana Almar realiza un mural sobre a liberdade de expresión nas instalacións de radio taxi, no parque da Milagrosa
Rubén Arroxo: “seguimos avanzando na renovación da imaxe das infraestruturas municipais da contorna do parque de Frigsa, cun novo mural dentro do proxecto Culturban”
A creación do novo mural foi promovida pola área de Cultura e polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Lugo, 09 de maio de 2022. A terceira edición do festival de arte urbano Culturban, posto en marcha pola área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua xunto co Espazo LUPA Arte comezou coa elaboración dun mural no exterior das instalacións de Radio Taxi, no parque da Milagrosa. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a zona xunto con concelleiras e concelleiros do Goberno de Lugo. “Con este novo mural seguimos avanzando na renovación da imaxe das instalacións do Parque da Milagrosa”, explicou Rubén Arroxo.
A creación deste mural foi promovida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que contou coa colaboración da área de Cultura do Concello de Lugo, para celebrar o Día Internacional da Liberdade de Prensa. A artista, Xoana Almar, integrante do colectivo Cestola na Cachola, traballa nunha proposta fundamentada nun dos principios básicos do xornalismo, que resume a profesión en tres accións, ir, ver e contar. Ademáis, visibiliza o papel das mulleres como a maior forza de traballo das redaccións de toda Galiza, e a importancia de escoller voces e olladas femininas como fonte de información para reflectir axeitadamente a pluralidade.
Rubén Arroxo explicou que “desde a concellería de Infraestruturas realizamos nestes anos unha serie de intervencións que permitiron renovar a imaxe do parque da Milagrosa”, e destacou ”a renovación do exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, unha actuación executada durante o 2020 que foi moi demandada tanto polos colectivos culturais que fan uso das instalacións como das usuarias e usuarios do parque, e que durante o 2021 permitiu realizar unha gran cantidade de actividades no exterior do auditorio”.