Infraestruturas mellora a accesibilidade no cruce entre a rúa San Lourenzo e a Avenida da Coruña
Alexandre Penas: “ampliamos a beirarrúa neste cruce, derrubando un muro que daba mala imaxe, e gañando espazos peonís”
Veñen de comezar os traballos na zona, que consistirán no derrubamento dun muro e na ampliación da beirarrúa existente
Lugo, 07 de maio de 2022. O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, informou do inicio dos traballos de mellora da accesibilidade na unión do barrio Feijoo coa avenida da Coruña. O Goberno de Lugo actuará na unión da rúa San Lourenzo coa avenida da Coruña, “unha zona na que hai un muro que encolle o espazo dispoñible para as persoas, e produce mala imaxe”, explicou Alexandre Penas.
A concellería de Infraestruturas Urbanas executará o derrubamento do muro e ampliará a beirarrúa “gañando espazo para as persoas e eliminando o feísmo das rúas de Lugo”, afirmou Alexandre Penas.
O edil destacou a importancia desta actuación “que aínda que non supón un custo elevado para o Concello, mellorará o día a día de moitas persoas”, explicou Alexandre Penas, que engadiu "esta é unha intervención importante que nos permitirá continuar a mellorar o estado dos distintos barrios de Lugo".