“Os aspirantes á dirección da Banda realizarán este sábado o segundo exercicio”, informou Maite Ferreiro
O CEI-Nodus acollerá mañá a primeira parte das probas prácticas proceso selectivo para a dirección da Banda Municipal e a Escola de Música
Maite Ferreiro agradeceu “o traballo e a implicación do persoal da banda municipal durante os pasados meses”
Lugo, 08 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que durante o día de mañá se levará a cabo no CEI-Nodus a primeira parte das probas prácticas para a escolla do posto de dirección da Banda Municipal. Maite Ferreiro explicou que “mañá realizarase a primeira parte do exame práctico, quedando pendentes outras dúas máis até ter completada a proba”.
Na xornada de mañá, entre as 10 e as 21 horas, os dous aspirantes terán que instrumentar unha obra segundo o patrón de corrección que propoña o tribunal, para o que terán unha limitación de tempo que marcará o propio tribunal. As persoas aspirantes contarán con liberdade para o uso de material bibliográfico.
As partes pendentes da proba práctica, consistirán na análise completa dunha partitura proposta polo tribunal, cunha limitación de dúas horas para a preparación do exercicio e media hora para a exposición horal, e a dirección dun ensaio da Banda, con dúas obras que serán entregadas ás aspirantes cun mes de antelación. Para a realización desta proba, cada aspirante contará con 40 minutos de ensaio coa Banda ante o tribunal, seguido da execución de ambas obras.
Maite Ferreiro afirmou que “seguimos traballando para que a Banda Municipal de Lugo continúe cos seus máis de 140 anos de historia”, e agradeceu “ás integrantes da Banda Municipal a súa implicación durante estes meses para manter vivo este servizo a pesares de todas as dificultades”.