Atopados restos arqueolóxicos durante o desenvolvemento dos traballos de Quiroga Ballesteros
Rubén Arroxo: “os restos xa estaban documentados, polo que o descubrimento non afectará ao desenvolvemento da obra”
Durante o día de hoxe atopáronse restos do muro dunha Domus romana, situada maiormente baixo o centro social Uxío Novoneyra
Lugo, 09 de novembro de 2020. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou dos restos atopados durante a mañá de hoxe durante o desenvolvemento dos traballos de peonalización na rúa Quiroga Ballesteros. As excavacións revelaron a presenza dun muro dunha Domus romana que se ubica maiormente baixo o centro social Uxío Novoneyra.
O descubrimento consiste nos restos do sistema de calefacción hipocausto desta Domus. Hoxe recolléronse restos de cerámica da instalación do hipocausto que foran danados coa instalación das canalizacións antigas e que se mantiñan tiradas a carón do muro atopado. As pezas serán trasladadas ao Museo Provincial.
“Trátase dunha peza que xa estaba documentada, polo que estaba previsto o seu descubrimento”, explicou Rubén Arroxo, que afirmou que “os traballos continuarán ao mesmo ritmo que até o de agora, xa que se trata dunha peza que xa estaba documentada e que, segundo o persoal de Arqueoloxía, non conta co suficiente valor como para ser musealizada por si soa”. A peza protexerase cunha lámina xeotéxtil e cubrirase con area para a súa protección.
De cara ao futuro poderase realizar unha excavación importante nesta zona, que incluirá a gran parte da Domus que está oculta baixo dos soportais do Uxío Novoneyra e do Mercado Municipal, “o que permitirá descubrir un importante resto arqueolóxico de gran valor patrimonial nesta rúa”, sentenciou Rubén Arroxo.