O Auditorio Municipal acollerá un novo concerto do Conservatorio de Música Xoán Montes
Maite Ferreiro: “achegamos unha nova oportunidade para que as veciñas e veciños de Lugo asistan a unha mostra da calidade do conservatorio de Lugo”
O concerto terá lugar o vindeiro mércores 19 a partir das 19:30
As entradas poden adquirirse de xeito gratuíto no portal entradaslugo.es
Lugo, 15 de xaneiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que o vindeiro mércores 19 o Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá un novo concerto das bandas do Conservatorio de Música Xoán Montes. Ferreiro afirmou que “achegamos a toda a veciñanza de Lugo unha nova oportunidade para asistir a un concerto e descubrir a gran calidade formativa e musical do conservatorio de Lugo”.
Baixo o título O Renacemento, as bandas Xosé Castiñeira (formada por estudantes de 1º a 3º de Grao Profesional) e Indalecio F. Groba (integrada por estudantes de 3º a 6º de Grao Profesional) interpretarán 9 obras da época renacentista.
O Renacemento foi a estética artística imperante en Europa nos séculos XV e XVI. O termo “rinascimiento” foi empregado por primeira vez polo pintor, arquitecto e historiador florentino Giorgio Vasari en 1550. Trátase dun período de renovado interese pola arte clásica desde un punto de vista moderno. A música renacentista caracterízase polo emprego dos modos gregorianos, derivados doutros máis antigos e polo contrapunto, é dicir, a relación entre 3 ou máis voces que seguen unha liña melódica independente.
A entrada será gratuíta e poderá retirarse a través do portal entradaslugo.es.
Programa
Banda Xosé Castiñeira (alumnos de 1º, 2º e 3º de Grao Profesional)
- Palestrina Suite Pierluigi da Palestrina (1525–1594) (arr J. Moss)
- Orlando Suite Orlando di Lasso (1532-1594) (arr. J. De Haan)
- Ay, Linda Amiga! - Amor que me Cautivas Anónimo Es ist ein Ros´entsprungen Michael Praetorius (1571-1621) (seccional de clarinetes)
- Susato Variations Tielman Susato (1500-1561) (arr. J. De Haan)
Banda Indalecio F. Groba (alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Grao Profesional)
- Madrigalum Philip Sparke (1951)
- Amor con Fortuna Juan de la Encina (1468-1529) (arr. Sergio Landrove) (seccional de percusión)
- O Magnum Mysterium Tomás Luis de Victoria (1548-1611) (arr. J. Curnow)
- Lamento pola morte de Ockeghem Josquin Despréz (ca. 1450—1521) (arr. Iván M. Sabio) (seccional de clarinetes)
- Renaissane Suite Franco Cesarini (1961)