Avanza a peonalización da rúa Rafael de Vega
Rubén Arroxo: " nos vindeiros días instalarase o novo mobiliario urbano, un dos últimos pasos antes do remate dos traballos"
A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste 221.427€ nesta actuación, que garante a accesibilidade para todas as persoas da zona
Lugo, 03 de xullo de 2021. O Tenente de Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, visitou a rúa Rafael de Vega xunto edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas. Arroxo informou sobre os avances do traballo realizado, e indicou que “nos vindeiros días procederase a instalar o novo mobiliario urbano do novo espazo peonil, o que supón un dos últimos pasos antes do remate completo da renovación da rúa”.
"Trátase dunha zona da cidade que conta con moita poboación e que ata o de agora non tiña zonas adicadas ao uso e desfrute da veciñanza", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "gañar novos espazos para o uso das veciñas e veciños é un dos proxectos no que máis estamos a traballar desde o Goberno de Lugo, planificando actuacións nos distintos barrios".
A solución executada polo Goberno de Lugo permitiu crear unha zona uniforme e contínua, cunha praza que favorece o carácter peonil do conxunto, mantendo a presenza de árbores e de zonas de sombra. A nova zona peonil inclúe novo alumeado ornamental a nivel do chan, que aumenta o ambiente cálido e acolledor desta nova zona. O espazo central organizouse en forma de grada urbana, e estará dotado de elementos de mobiliario urbano e papeleiras.