O BNG-AA DENUNCIOU EN POL QUE “O PP É CÓMPLICE DAS MEDIDAS QUE ARRUINAN O AGRO GALEGO"

O BNG-AA DENUNCIOU EN POL QUE “O PP É CÓMPLICE DAS MEDIDAS QUE ARRUINAN O AGRO GALEGO"

O BNG-AA puxo en valor que o agro galego subsiste grazas ao esforzo e traballo das labregas e labregos, “por iso Galiza é unha das 10 primeiras potencias produtoras de leite na Unión Europea”

Acto BNG Pol 002Prezos xustos para o leite, creación du Grupo lácteo galego e creación dunha Interprofesional láctea galega entre as medidas concretas que plantexou o BNG-AA.

Pol, 11 de abril do 2015. O BNG-Asembleas Abertas mantivo en Pol un encontro  con gandeiros e gandeiras da comarca da Terra Chá ante a situación de preocupación en que se atopa o sector desde o fin do anuncio do sistema de cotas lácteas, efectivo xa desde o pasado 1 de abril. No acto, celebrado no Bar A Saleta, en Mosteiro (Pol) participaron Xosé Manuel López Tellado, gandeiro de Pol, Tereixa Paz, deputada do BNG no Parlamento de Galiza e Antonio Fernández Oca, Enxeñeiro Agrícola.

Poñendo voz ao BNG-AA, todos os intervintes coincidiron en que “o sector lácteo representa a columna vertebral da economía da inmensa maioría das comarcas rurais da Galiza” e  denunciaron que a fin das cotas do leite “pisotea os dereitos de produción dos gandeiros e gandeiras”. “Obrigáronnos a adquirir cota de leite para competir nun sistema de produción que agora finiquitan deixando ao sector endebedado e a mercé dos intereses da industria” engadiu Tellado.

Tareixa Paz reclamou que  o goberno da Xunta “deixe de mirar para outro lado e lidere unha estratexia de defensa do sector leiteiro galego”.  Engadiu que “o PP despreza ás gandeiras e gandeiros galegos “ e, sinalou, “é cómplice das medidas que se están a aplicar desde fora de Galiza e arruinan o agro galego”

Prezos xustos, creación dun grupo lácteo galego e dunha Interprofesional láctea galega

Neste encontro, o BNG-AA recolleu as propostas das gandeiras e gandeiros presentes ao tempo que expuxo medidas concretas. Así, Antonio Oca resaltou que “urxe garantir prezos xustos con contratos homologados coas industrias, como prevé a normativa, e que agora está a incumprir máis do 60% das empresas do sector”

A promoción dun grupo lácteo galego de base cooperativa e a creación dunha Interprofesional láctea galega  son outras das medidas concretas e urxentes que desde o BNG-AA defenderon. “Grazas ao esforzo e traballo das labregas e labregos galegos, Galiza é unha das 10 primeiras potencias produtoras de leite na Unión Europea” salientou Tereixa Paz, e, engadiu, “precisamos políticas deseñadas e pensadas para a realidade galega, depende de nós garantir o futuro do sector lácteo no noso País”.

O BNG-AA DENUNCIOU EN POL QUE “O PP É CÓMPLICE DAS MEDIDAS QUE ARRUINAN O AGRO GALEGO"