O BNG-AA APOSTA EN SARRIA POLA CULTURA E O DEPORTE DE BASE
O BNG mantivo en Sarria un encontro co tecido asociativo da comarca sarriá para intercambiar visións e propostas en torno á cultura e ao deporte de base.
Neste encontro participaron o Delegado de Cultura na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o candidato do BNG-AA a alcaldía ao Concello de Sarria nas vindeiras eleccións municipais, Efrén Castro, xunto con máis dun cento de representantes de Asociacións veciñais, culturais e deportivas da zona.
Sarria, 13 de abril do 2015. O BNG-AA mantivo en Sarria, no Hotel Alfonso IX, un encontro co tecido asociativo da comarca sarriá para intercambiar visións e propostas en torno á cultura e ao deporte de base. Este encontro tivo como finalidade poñer en valor o traballo do BNG-AA á fronte das Áreas de Cultura e Deporte na Deputación de Lugo, así como trasladarlles ás asociacións as principais propostas da política cultural e deportiva do BNG-AA e recoller, ao mesmo tempo, as súas demandas e carencias.
Os nacionalistas expuxeron ante máis dun cento de representantes de asociacións culturais, deportivas e veciñais a liña política do BNG-AA, que pasa por unha férrea defensa do asociacionismo cultural e o deporte de base, afirmou Outeiro. Desde o BNG-AA temos claro que a cultura e o deporte son dous piares fundamentais do benestar dunha sociedade por iso traballamos desde as institucións nas que gobernamos, como é o caso da Deputación de Lugo, apoiando, dinamizando e impulsando sempre o tecido asociativo. engadiu Outeiro.
Efrén Castro, candidato do BNG-AA á alcaldía do Concello de Sarria nas vindeiras eleccións municipais, criticou o desleixo ao asociacionismo e o uso caciquil que o PP fai dos cartos públicos nas institucións nas que goberna. Engadiu que desde o BNG-AA apostamos sempre por unha distribución igualitaria e transparente dos cartos públicos. Colaboramos e escoitamos a todas as persoas que teñan algo que dicirnos. Así o facemos nos Concellos nos que temos responsabilidades de goberno, e, por suposto, tamén na Deputación de Lugo. E así o estamos a facer tamén hoxe con este encontro.
Apoio ao deporte de base e cultura como ferramenta esencial para a transformación social e o afortalamento da consciencia e a identidade nacional galega
Mario Outeiro explicou que desde o BNG-AA fixamos no noso ideario e na nosa praxe política unhas prioridades claras. Entre elas está a aposta polo deporte que teña en conta tanto a súa vertente, educativa, de promoción do deporte base e da actividade física saudábel, como o ámbito competitivo, impulsando a actividade profesional deportiva de alto nivel en Galiza. Do mesmo xeito, afirmou que para o BNG-AA a cultura é unha ferramenta esencial para a cohesión e a transformación social e o fortalecemento da consciencia e a identidade nacional. O BNG acredita nunha cultura galega viva, e as asociacións son unha parte fundamental para isto:
Neste encontro houbo tempo tamén para un amplo coloquio onde todas as Asociacións presentes amosaron as súas demandas e propostas para o futuro. Estas foron recollidas polos nacionalistas para incorporalas aos programas electorais do BNG-AA para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. O BNG-AA está coa xente, dialoga, escoita e recolle as súas inquedanzas para incorporalas á práctica política. Así traballamos como organización e tamén nas institucións defendeu Efrén Castro, e, engadiu, por iso o BNG-AA é garante de coherencia, traballo, honradez e transparencia.