ÓSCAR GONZÁLEZ PARDO PRESÉNTASE COMO CANDIDATO DO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS Á ALCALDÍA DE XERMADE
Seis caras novas dánlle pulo á candidatura do BNG-AA en Xermade, unha candidatura renovada que aposta polo BNG-AA porque é gantía de coherencia, traballo e honradez afirmou González Pardo.
O alcalde de San Sadurniño, o nacionalista Secundino García Casal, e a actual concelleira do BNG e número 2 da candidatura, Mar Hermida, participaron tamén deste acto.
Xermade, 18 de Abril de 2015.- O BNG-Asembleas Abertas presentou a súa candidatura ás eleccións municipais do 24 de maio en Xermade, encabezada por Óscar González Pardo. O candidato nacionalista á Alcaldía de Xermade, de 25 anos de idade, é veciño da parroquia xermadina de Cabreiros, Técnico de Laboratorio e Control de Calidade, Química Ambiental e Química Industrial e, actualmente, traballa como repartidor e tamén empregado da hostalería.
No acto, celebrado na Biblioteca de Xermade, Óscar González Pardo sinalou que quero seguir a vivir e a traballar no Concello no que nacín, coñezo de primeira man as necesidades de Xermade porque as vivo no día a día. O noso Concello precisa de moitísimos servizos básicos e urxe sacalo da parálise. É urxente construír un Xermade con futuro, un Xermade para as veciñas e veciños. Para isto eu aposto pola coherencia, traballo e honradez que só garante o Bloque.
Nun acto arroupado polo alcalde de San Sadurniño, o nacionalista Secundino García Casal, e a número dous da candidatura, Mar Hermida Pico, presentouse unha candidatura que, en palabras de Óscar González, aspira a impulsar un cambio na vida política de Xermade e fíxase como prioridade sacar Xermade da parálise na que está instalado pola ineficacia política do goberno do PP. Os nacionalistas preséntanse como garantía para que o Concello estea ao servizo das veciñas e veciños e non dos intereses persoais de ningún candidato.
Apostamos por outra forma de desenvolvemento, mirando cara as potencialidades do noso rural e do pequeno comercio. Apostamos por converter a Xermade nun referente como o son outras vilas nas que goberna o BNG, tal é o caso de San Sadurniño puxo como exemplo a seguir aludindo á presenza do alcalde nacionalista, Secundino García Casal, alí presente.
Temos que apostar pola economía local, pola produción dos nosos gandeiros e gandeiras e polo comercio de proximidade, impulsando todas as medidas que permitan apoiar os sectores produtivos deste Concello, que ten no sector agrogandeiro un dos seus piares básicos, argumentou o candidato do BNG-AA.
Prezos xustos para os produtores agrarios locais, en particular no prezo da leite, e medidas que aporten valor engadido aos produtos locais, figuran entre as propostas do BNG-Asembleas Abertas, así como medidas de axuda ao sector servizos, que ten unha gran capacidade de xerar emprego, explicou Óscar González.
Servizos sociais públicos
Tamén subliñou que o BNG-Asembleas Abertas defenderá servizos sociais públicos e accesibles para todo o mundo, e contra as privatizacións para favorecer os intereses das empresas amigas. Criticou o abandono ao que o goberno do PP ten sometido a Xermade non hai máis que pasear polas parroquias ou por calquera rúa da vila para comprobar o lamentable estado no que se atopan as estradas, parques e mesmo o mobiliario urbano.
Fronte a isto defendeu que o BNG traballará todos os días do ano para construír entre todas e todos un Xermade habitable, con calidade de vida, e non só os dous meses previos ás eleccións municipais para caciquear votos como está a facer o PP.
Candidatura nova e preparada
Castro destacou que se trata dunha candidatura preparada á que só move a forza de traballar por Xermade e de pelexar pola mellora do Concello no que vivimos por enriba dos intereses particulares e das confrontracións persoais asegurou González Pardo.
Contamos con seis caras novas que se unen ao noso proxecto e o apoio daqueles que levan anos formando parte del. Sinalou que recolle o testemuño dos compañeiros e compañeiras que levan traballando todo este tempo atrás con honradez, constancia e adicación continua. Aludiu especialmente á actual concelleira do BNG en Xermade e número 2 da candidatura ás vindeiras Eleccións Municipais, Mar Hermida Pico, sinalando que entre as caras novas temos mozas e mozos, pais e nais de familia, empregados, gandeiros, estudantes e parados. Xente que se uniu a nós consciente do bo facer de Mar estes catro anos na oposición-
NOTA: ADXÚNTANSE DATOS DE COMPOÑENTES DA CANDIDATURA.
Para máis información, chamar a Óscar González Pardo 658-274-894
1. Óscar González Pardo. 25 anos. Técnico en Laboratorio de Análise e Control de Calidade, Química Industrial e Química Ambiental. Actualmente traballa como repartidor nunha empresa de distribución de cervexa.
2. María do Mar Hermida Pico. 45 anos. Licenciada en Filoloxía Galega. Traballa como mestra no ensino secundario.
3. Vanesa Balsa García. 26 anos. Educadora Social e Estudante de Maxisterio Infantil. Traballa como Educadora nunha residencia de anciáns.
4. Antonio Bellas Iglesias. 43 anos. Camioneiro de Profesión. Nestes momentos está no paro.
5. Andrés Castro Ramos. 37 anos. Enxeneiro Técnico Agrícola.
6. Agustín González Bernardo. 71 anos. Gandeiro xubilado.
7. María Carmen Vivero Polo. 43 anos. Gandeira.
8. Marcos Hermida López. 28 anos. Empregado dunha empresa de aeroxeneradores.
9. Manuela Castelo Santaballa. 62 anos. Licenciada en Filoloxía Galega. Traballa como mestra no ensino secundario.
10. Carlos Manuel Cancelo Rei. 32 anos. Empregado dunha empresa de aeroxeneradores.
11. María Lorena Castro Romero. 30 anos. Diplomada en Ciencias Empresariais. Actualmente está no paro.
Suplentes:
12. Rodrigo Feal Paz. 60 anos. Traballador do Centro de Investigacións Agrarias da Xunta de Galicia en Momán.
13. Luís Carballo Bañobre. 55 anos. Gandeiro.
14. Luis Manuel Ledo Gómez. 48 anos. Empregado.
15. Manuel Anxo Cabaleiro Pellón. 51 anos. Xubilado de Endesa.
16. Tomás Pena Amarelo. 57 anos. Xubilado de Endesa.