XOSÉ MOSQUEIRA ÁLVAREZ SERÁ O CANDIDATO Á ALCALDÍA DE GUNTÍN POLO BNG-ASEMBLEAS ABERTAS
Cómpre sacar a Guntín da parálise na que está instalado. O BNG-AA como garantía de traballo, honradez e democracia é a mellor aposta para conseguirmos este obxectivo asegurou Mosqueira
Para o candidato do BNG Asembleas Abertas urxe democratizar e dinamizar a vida do Concello, comezando por sectores produtivos como o agrogandeiro ou o comercio local"
Guntín, 18 de abril de 2015. Xosé Mosqueira Álvarez, de 62 anos de idade, será o candidato á Alcaldía do Concello de Guntín polo BNG Asambleas Abertas nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. De profesión soldador, Mosqueira é un emigrante retornado e marchou moi novo a traballar primeiro a Venezuela e logo a Cataluña, onde tamén se destacou polo seu activismo cultural. Actualmente reside en Entrambasaugas (Guntín) sendo por primeira vez candidato á Alcaldía polo BNG-AA defendendo que cómpre sacar a Guntín da parálise na que está instalado. O BNG-AA como garantía de traballo, honradez e democracia é a mellor aposta para conseguirmos este obxectivo.
Xosé Mosqueira Álvarez anunciou que o programa do BNG-AA xirará entorno á democratización no concello para abrilo ás veciñas e veciños e para rematar coa falla de trasparencia que sofrimos a diario Así mesmo, indicou que cómpre poñer solución a problemáticas como a necesidade de mellora do abastecemento de augas, da rede de alumeado público ou do servizo de transporte público. Guntín precisa de impulso e dinamismo, e para isto temos que apostar por sectores produtivos como o agrogandeiro ou a potenciación do comercio local.
Co BNG-Asembleas Abertas: garantía de Concellos democráticos e transparentes.
Ademais, engadiu Mosqueira, dende o BNG AA loitaremos para que todas as xestións que leva a cabo o Concello sexan claras e transparentes. Apostamos por outro xeito de gobernar, baseado no traballo, na seriedade e no respeto rigoroso á democracia expuxo o candidato do BNG-AA.
O candidato nacionalista puxo en valor o traballo das compañeiras e compañeiros do BNG-AA en Guntín, especialmente o da súa predecesora Carme Lucas Dominguez. Sinalou tamén, que afronto estas vindeiras eleccións con ilusión e co convencemento de que é moi necesario un cambio en Guntín, un cambio que só pode vir da man do BNG-AA.