ARROXO PROPUXO QUE A XUNTA ADMITA A EMENDA DO BNG AOS ORZAMENTOS INCLUÍNDO UNHA PARTIDA DE 2 MILLÓNS DE EUROS PARA O ANO 2018 DESTINADOS Á TINERÍA

O BNG-AA pide a axilidade na tramitación para que os locais da Tinería pasen ao concello

IMG_1518

Para o BNG “a Xunta non pode limitarse a reinvestir os fondos acadados coa venda se non que debe destinar máis fondos para avanzar na rehabilitación do barrio”

O BNG-AA pide a axilidade na tramitación para que os locais da Tinería pasen ao concello
Lugo, 23 de novembro de 2017. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu axilidade tanto ao goberno municipal como á Xunta de Galiza para garantir a titularidade pública das propiedades que o IVGS ten no barrio da Tinería. “Entendemos que a boa predisposición amosada por ambas partes ten que plasmarse nunha rápida e efectiva tramitación que beneficie a Lugo e á veciñanza do barrio” dixo Rubén Arroxo que incidiu en que “a Xunta non pode limitarse a reinvestir os fondos acadados coa venda se non que debe destinar máis fondos para avanzar na rehabilitación do barrio”.

Rubén Arroxo propuxo que, dende o goberno galego, “se acepta a emenda que o BNG fixo aos orzamentos da Xunta de incluír 2 millóns de euros para o barrio da Tinería”. Arroxo considera que os fondos que se poderían recadar coa venda de todos os inmobles non chegarían nin ao 70% da rehabilitación dunha das casas da Tinería. O voceiro do BNG lembrou que na última licitación de rehabilitación anunciada pola Xunta, para unha única casa,  cuantificouse en 815.000 € a cantidade necesaria. Rubén Arroxo explicou que se estima que “coa venda de todos os inmobles que a Xunta pretendía, recadaríanse uns 600.000 € o que non chegaría para abordar, apenas, ningunha actuación no barrio se o goberno galego non se implica orzamentariamente”.

Arroxo valorou como interesante a proposta do goberno local de optar a conseguir a propiedade dos locais da Tinería que neste momento son propiedade da Xunta. Arroxo dixo que “está claro que o PP o único que quere é desfacerse dos locais por que nin saben que facer con eles, nin queren facer nada con eles” e engadiu “dende a xestión municipal pódense impulsar iniciativas para que estes locais de titularidade pública poidan converterse en espazos para a creación de novas empresas ou iniciativas de autoemprego”.

Para o BNG a Xunta debe de entregar os locais ao Concello nas condicións máis ventaxosas posibles e “en ningún caso o concello debe pagar por estes locais” que “é patrimonio de todos os lucenses e todas as galegas”. “Aínda que a proposta feita polo goberno municipal semella interesante, estaremos vixiantes ás negociacións entre o PP e o PSOE sobre este asunto” dixo Rubén Arroxo que lembrou o sucedido cos acordos entre o goberno do PP na Xunta e o goberno do PSOE no concello de Lugo en relación ao Plan Paradai, ao Cuartel de San Fernando ou á dotación do Auditorio,  “Todos estas negociacións entre PP e PSOE remataron por ser lesivas para os intereses dos lucenses” sinalou Arroxo e fixo fincapé nos acordos de paralización, entre Xunta e Concello, do Plan Paradai e da Creación do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando.

O BNG-AA pide a axilidade na tramitación para que os locais da Tinería pasen ao concello