RECENTEMENTE AS ESTRADAS DE ACCESO A LUGO FORON “ABRASADAS” CON HERBICIDAS QUÍMICOS

O BNG-AA pide que se controle o uso indiscriminado de herbicidas nas estradas lucenses

IMG_6405

O BNG –AA reclama que o concello de Lugo requira do Ministerio de Fomento a utilización doutro tipo de control da vexetación espontánea

O BNG-AA pide que se controle o uso indiscriminado de herbicidas nas estradas lucenses

Lugo, 24 de abril de 2017. O BNG – Asembleas Abertas reclama que a área de medio-ambiente do concello de Lugo se dirixa ao Ministerio de Fomento para que se tomen medidas relativas á utilización xeralizada de herbicidas como método de eliminación da vexetación nas beiras das estradas de titularidade estatal. O BNG - AA demanda que o concello de Lugo lle esixa ao Ministerio de Fomento información sobre os criterios utilizados á hora da aplicación de herbicidas nos diferentes tramos das estradas e, tamén, pola posibilidade de utilizar medios mecánicos para a eliminación da vexetación espontánea.

Recentemente as estradas de acceso a Lugo foron “abrasadas” con herbicidas químicos e o concelleiro nacionalista, Rubén Arroxo, criticou esta actuación e manifestou a preocupación do BNG - AA polas consecuencias destes tratamentos químicos. Arroxo sinalou que “estamos vendo como aos agricultores se lles poñen miles de problemas mentres que o ministerio de Fomento aplica estes herbicidas de xeito indiscriminado sen importar a existencia de vivendas, de cultivos ou de cursos de auga”.

O BNG - AA lembra que son moitos os colectivos ecoloxístas e organizacións agrarias que levan anos e anos denunciando estas prácticas. A utilización masiva de herbicidas ten gravísimos efectos sobre a saúde das persoas e tamén dos animais. Rubén Arroxo lembrou a problemática existente no mundo da apicultura onde miles de abellas están morrendo pola contaminación provocada polos herbicidas. O control da vexetación con herbicidas incrementa, tamén, o perigo de incendios ademais de deteriorar considerablemente a imaxe da cidade en zonas cun importante valor paisaxístico e medioambiental.

 

Outro dos perigos destas aplicacións indiscriminadas de herbicidas son as filtración destas sustancias aos cauces de auga a través do arrastre polas augas pluviais que recollen as cunetas das estradas. A aplicación destes produtos provocan lóxica preocupación entre a poboación xa que moitas das estradas estatais onde se aplican atravesan zonas densamente poboadas e zonas do casco urbán dos concellos.

O BNG-AA pide que se controle o uso indiscriminado de herbicidas nas estradas lucenses