“UTILIZOUSE COMO ÚNICA LINGUA O ESPAÑOL OBVIANDO A ORDENANZA DE USO DO GALEGO E IGNORANDO QUE EXISTE UNHA CONCELLARÍA DE PROMOCIÓN DA LINGUA” SINALOU MAITE FERREIRO
O BNG-AA preguntará por que no acto de fin de curso da Escola de Música se impuxo o español como única lingua
Ademais o acto, no que participaron centos de nenas e nenos de menos de 6 anos, fíxonse “apoloxía da violencia machista” e proxectáronse imaxes dunha película recomendada para maiores de 12 anos
Lugo, 22 de xuño 2017. A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, anunciou que a formación que representa elevará unha serie de preguntas á comisión correspondente para que o goberno municipal dea conta do sucedido no acto de fin de curso da Escola Municipal de Música que se celebrou onte no Auditorio Municipal Gustavo Freire. “Non queremos esaxerar os acontecementos pero foron moitas as persoas que nos trasladaron a súa desconformidade polo plantexamento dun acto de fin de curso que ía dirixido a familias con nenas e nenos de curta idade e que se entende como unha das manifestacións culturais máis relevantes e con maior proxección que organiza este concello para ás máis de 700 persoas que acoden á Escola de Música e para o público en xeral” matizou Maite Ferreiro.
O BNG-AA preguntará polas razóns que levaron a que, no acto de fin de curso da Escola de Música, se impuxera o español como única lingua de comunicación. Maite Ferreiro explicou que “foi unha única persoa a que conduciu o acto e, en ningún momento, utilizou o galego para dirixirse ao público nin aos participantes” en engadiu “entendemos que se trataba dunha profesional que fixo o seu traballo correctamente e á que ninguén lle explicou que era parte fundamental da comunicación dun acto cultural con público infantil, dun concello que conta cunha ordenanza de uso do galego e unha concellería de promoción da lingua”.
Recibimos consultas de moitas persoas sorprendidas pola falta de sensibilidade polo coidado do noso idioma “era un acto dirixido ao alumnado máis novo da Escola de Música e o feito de que unha institución como o concello de Lugo, e as persoas que teñen responsabilidades políticas neste campo, ignoren a oportunidade de normalización da lingua nun acto como este, resulta lamentable” afirmou Ferreiro. A edil do BNG-AA lamentou que ningún representante do goberno municipal acudise a este acto central da Escola Municipal de Música “o que tamén pon de relevo o pouco interese que hai no PSOE por este servizo público municipal que é dos que máis éxito tivo nos últimos anos dende que o BNG o puxo en marcha”.
Ademais no acto, no que participaron centos de nenas e nenos de menos de 6 anos, relatouse un conto que reflexaba escenas de violencia contras as mulleres e proxectáronse imaxes dunha película recomendada para maiores de 12 anos. Para a edil do BNG-AA resultou “innecesario, nestas épocas que vivimos” o relato sobre o conto das Mil e Unha Noites relatándolles como a “astuta” Sherezade era capaz de enganar ao rei para evitar que matara como xa fixera con todas as súas mulleres. Do mesmo xeito resultou “pouco afortunadas” as imaxes que se proxectaron da triloxía de westerns de Sergio Leone (A morte tiña un prezo, Por un puñado de dolares, O bon, o feo e o malo) que son filmes recomendados para maiores de 12 anos e que se proxectaron nun auditorio con varios centos de nenos menores de 6 anos.
Co uso da lingüa chove sobre mollado
“Son algúns departamentos concretos os que inciden reiteradamente en ignorar o noso idioma e impoñer, nos seus escritos e anuncios públicos, o idioma español sen que o goberno municipal faga nada para normalizar esta situación” asegurou a edil do BNG-AA e incidiu “é lamentable que teñamos que sair, cada pouco tempo, a defender os dereitos lingüísticos de moitas persoas que ven como a súa administración máis cercana aínda coxea neste aspecto”. Ferreiro recoñeceu, tamén, a grande implicación da maior parte do funcionariado e persoal do Concello que, na maior parte dos departamentos, teñen normalizado o uso do galego como lingua oficial que é. Ademais felicitouse e apostou por manter a unanimidade de acción de todos os grupos políticos da corporación neste tema como sempre veu sucedendo.