O BNG-AA propón cubrir con lonas decorativas os predios baleiros, os edificios en ruínas, inacabados e os que están en obras
Arroxo dixo que “esta medida melloraría considerablemente a imaxe da cidade, principalmente no entorno da muralla e no casco histórico”
Lugo, 18 de outubro, 2016. O BNG - AA presentou un rogo, para ser tratado na comisión correspondente, no que se propón cubrir con lonas decorativas os predios baleiros, os edificios en ruínas, inacabados e os que están en obras. Rubén Arroxo explicou que “noutras cidades téñense habilitado mecanismos para que os predios baleiros ou os que albergan edificios en ruínas sexan cubertos con lonas decorativas que melloran substancialmente o aspecto do entorno”.
As lonas instaladas para cubrir as fachadas poderán ter infografías de caracter cultural, de promoción turística ou ben imaxes sobre cal vai ser o aspecto do edificio unha vez rematado. Rubén Arroxo dixo que “esta medida melloraría considerablemente a imaxe da cidade, principalmente no entorno da muralla e no casco histórico” e sinalou que son moitas as persoas que visitan Lugo “que quedan encantadas coa cidade pero sorprendidas polo grande número de solares abandoados e edificios ruinosos ou sen rematar”.
Arroxo lembrou como “foron moitos os lucenses que fixeron propostas similares, polas redes sociais, no momento en que a volta ciclista estaba permitindo a difusión de imaxes da ronda da Muralla para millóns de televidentes e aparecían terreos abandoados cheos de maleza”. “Entendemos que non é complexo adoptar unha medida deste tipo e que simplemente se trata de vontade política facer que a imaxe de Lugo mellore” sentenciou Arroxo.