O BNG acada a unanimidade no pleno municipal para instar á Xunta a destinar fondos propios para pagar as axudas ás explotacións en ecolóxico
O Bloque defendeu nunha moción que a Xunta destine arredor de 2M€ para efectuar os pagos das axudas rexeitadas pola falta de previsión orzamentaria da consellería de Medio Rural
O BNG tamén preguntou no pleno sobre as condicións da Festa da Xuventude
Castroverde, 30 de xaneiro 2023.- O Bloque Nacionalista Galego en Castroverde acadou a unanimidade do pleno municipal na súa proposta en apoio aos produtores da agrogandaría ecolóxica, xa que o Partido Popular á fronte da Xunta de Galiza deixou a máis do 50% do sector sen axudas referentes á PAC pola mala previsión orzamentaria da consellería de Medio Rural.
Por isto, a demanda do BNG insta ao goberno galego a dotar con fondos propios, a diferenza entre os 3,18 millóns de euros orzamentados até os 5,6 millóns de euros que é cantidade necesaria, para efectuar o pago de todas as solicitudes que cumpriran os criterios estipulados.
Iria Castro, concelleira e portavoz municipal do BNG en Castroverde, declarou “desde o BNG impulsamos esta medida que é fundamental para o sector agrogandeiro de ecolóxico, a mala xestión non ten que reacaer a quen están cumprindo os criterios e facendo ben o seu traballo”
Por outra banda, Iria Castro alegrouse de que a proposta impulsada polo BNG contara coa unanimidade “é unha iniciativa de sentido común, o sector en ecolóxico é un sector de futuro, forman parte do mantemento do territorio e levan a cabo prácticas medioambientais que preservan a nosa natureza e cumpren cos requisitos de loita contra o cambio climático”
Festa da xuventude
A concelleira tamén formulou no pleno municipal diferentes preguntas ao goberno municipal para que se desluciran os gastos da Festa da Xuventude “a alcaldía non está a mostrar os custos que conlevou esta festa, ademais se existen criterios diferentes nas achegas respecto ás Festas do Santiago” declarou.
Ademais, Iria Castro sinalou no pleno a desafección da veciñanza polo servizo de seguridade privada no recinto durante a celebración do evento.