RUBÉN ARROXO: "A POBOACIÓN NON PODE ESCOLLER CANDO ENFERMAR, TEÑEN QUE CONTAR CON SERVIZO DE ATENCIÓN PRIMARIA NO SEU CENTRO DE SAÚDE "
O BNG acompaña á veciñanza de Nadela nunha mobilización pola recuperación do Centro de Saúde
Rubén Arroxo: "A poboación non pode escoller cando enfermar, teñen que contar con servizo de atención primaria no seu centro de saúde "
O portavoz do BNG afirmou que a situación de Nadela "responde á estratexia do PP de desmantelar a sanidade pública"
A situación do Centro de Saúde de Nadela debaterase no Parlamento de Galiza nas vindeiras semanas por iniciativa do BNG
Lugo, 03 de novembro de 2023. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por concelleiras e concelleiros do BNG, participou na mobilización organizada pola veciñanza de Nadela en protesta pola situación do seu Centro de Saúde. Arroxo afirmou que "é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas". Para o portavoz do BNG, "a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade".
Para Rubén Arroxo, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno. No verán, ante a denuncia do peche do centro por parte das veciñas e veciños, a Xunta respondeu que se trataba dunha cuestión temporal, "agora sábese que o plan da Xunta do PP é deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro".
O BNG trasladará ao Parlamento de Galiza a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro. "Tres días á semana non son suficientes, a poboación non pode decidir que día enferma", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta".
O BNG critica que a Xunta de Galiza pretend pechar o centro "nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.