SEGUNDO O PROXECTO DO MINISTERIO DE FOMENTO ACOMETERÍASE O “FRESADO E REPOSICIÓN DO FIRME EXISTENTE” PERO NA OBRA SOMENTES SE ESTÁN REPOÑENDO ALGÚNS TRAMOS

O BNG advirte de posibles irregularidades no arranxo da estrada N-640 (Lugo-Meira) proxectado polo PP

IMG_9480

Para o BNG “é evidente que a execución da obra non se corresponde co proxectado e esto podería reducir a vida útil desta obra na que se invisten 4,7 millóns de euros”

O BNG advirte de posibles irregularidades no arranxo da estrada N-640 (Lugo-Meira) proxectado polo PP

Lugo, 12 de maio de 2017. O BNG advertiu, a través do voceiro provincial Xosé Ferreiro, de posibles irregularidades na execución das obras de arranxo da estrada N-640 no tramo entre Lugo e Meira ordenadas polo PP. Nas obras que se están executando non se acomete a total reposición do firme da estrada xa que se está repoñendo o firme en algúns tramos pero non se renova totalmente tal e como figuraba no proxecto do Ministerio. Neste momento a maquinaria da empresa adxudicataria esta procedendo ao fresado do firme da estrada pero unicamente o fai nalgúns dos tramos que se atopan máis deteriorados. Nunha segunda fase procederase ao extendido dunha nova capa de rodadura.

Dende o BNG explicaron que o feito de non renovar completamente o firme provocará que a nova capa de rodadura se deteriore máis rapidamente e esto “supón un mal uso dos cartos públicos e unha manifestación máis da ineficiencia do PP no gasto dos recursos do estado que solo benefician a grandes empresas pero non hai preocupación por que as obras executadas teñan duración e sexan de utilidade para as persoas usuarias”. Concelleiras e concelleiros do BNG de Castro de Rei, Pastoriza, Lugo e tamén a Parlamentaria, Olalla Rodil, e o Deputado Provincial, Xosé Ferreiro, advertiron desta situación.

“Non renovar a totalidade do firme vai implicar que nun par de anos eses tramos estarán de novo en mal estado” segundo o BNG. O arranxo deste tramo da estrada N-640 foi unha reivindicación do BNG durante moitos anos por que se trata dun vial fundamental para conectar o concello de Lugo con concellos da Terra Chá e a Mariña e que é transitada por milleiros de persoas diariamente. “Agora que por fin se deu o paso, dende o goberno do PP en Madrid, hai que velar por que as cousas se fagan ben para que a estrada teña unha duración acorde cos máis de 4 millóns investidos” afirmaron dende o BNG.

Existe unha distorsión temporal entre o momento no que se redactou o proxecto e o momento no que se executa a obra que inflúe negativamente nunha execución na calidade das obras. “Non pode ser que se executen obras anos despois da redacción do proxecto por que o estado de deterioro da estrada é maior, os prezos das unidades de obra son diferentes e isto sempre repercute na calidade final da obras e por tanto no servizo ás veciñas e veciños” afirmou Ferreiro que sinalou “as obras desta estrada afectan a varios concellos da comarca e o BNG defende o interese de todos eles”.

O tramo de carretera no que se executan os traballos de rehabilitación discorre polos termos municipais de Pol, Castro de Rei e Lugo, onde se inclúe a ronda norte de Lugo. As actuacións proxectadas, segundo o Ministerio de Fomento consisten fundamentalmente no fresado e reposición do firme existente para posteriormente proceder ao extendido dunha nova capa de rodadura que incrementará as condiciones de seguridade vial do tramo. Ademais farase o necesario recrecido dos sistemas de contención para adaptalos á nova cota da rasante. Tamén está prevista a reposición do balizamento e das marcas viais afectadas polas obras.

O BNG advirte de posibles irregularidades no arranxo da estrada N-640 (Lugo-Meira) proxectado polo PP